73 traballos optan aos Premios Johán Carballeira de Poesía e Xornalismo
Haberá que agardar para coñecer os gañadores ou gañadoras, pero os Premios Johán Carballeira xa teñen candidatos. Tralo peche do prazo de envío a finais de xaneiro, o Concello contabiliza 73 participantes, 57 poemarios e 16 traballos xornalísticos, que se valorarán nas dúas modalidades.
"Estas cifras demostran que este certame constitúe todo un referente a nivel galego, e que ano a ano mantén ou incrementa a súa participación", sinalan desde o Concello. O departamento de Cultura, dirixido por Xosé Leal, conformará un xurado que terá como obxectivo revisar os traballos e seleccionar aos gañadores ou gañadoras entre finais de abril e comezos de maio. Os premios están dotados actualmente con 1.500 euros en ambas categorías, ademais da publicación do poemario gañador da man da editorial Xerais.

Na anterior edición, Xandra Táboas e Adriám Mosqueira foron os gañadores co poemario Dous aulas de ioga por videoconferencia, mentres que Marta Veiga alzouse co premio na categoría de xornalismo, coa reportaxe "Cantigas para despois dunha pandemia", publicada na revista Luzes.
Orixe
O Premio Johán Carballeira de Poesía creouse no ano 1996 auspiciado polo Concello, como homenaxe ao alcalde, poeta e xornalista Johan Carballeira. En 2002 naceu a modalidade de Xornalismo, que destaca os xéneros dos que Carballeira foi un pioneiro, como a reportaxe ou a entrevista. Algúns dos premiados nesta categoría foron Marta Lemos, Óscar Curros, Francisco Seoane, Arturo Sánchez Cidrás ou Montse Dopico e María Obelleiro.
Na modalidade poética resultaron gañadores Yolanda Castaño, Mario Regueira, Berta Dávila, Daniel Asorey, Ismael Ramos ou María Reimóndez, entre outros.




Comentarios