top of page

A alerta por vaga de calor esténdese ata o venres e Bueu rexistrará máximas de 35º

12 jul 2022
2 min de lectura

Desde o luns e, polo menos ata o venres, toda Galicia permanecerá baixo os efectos dunha masa de aire moi cálida de orixe norteafricana. Precisamente, a Xunta de Galicia, a través do seu Comité de Plan de Calor, estendeu a situación de alerta por vaga de calor nivel 3 (máximo) a toda Galicia. Bueu xa levaba nesta situación desde o pasado venres e continuará ata, polo menos, o venres desta semana.


A vila, tal e como amosa a predición a curto prazo de MeteoGalicia, vivirá hoxe e o xoves os días máis calorosos da semana, con máximas de 35º, mentres que o mércores e o venres serán de 33º. Destaca tamén o incremento das temperaturas mínimas, que chegarán aos 24º o xoves. Nos areais bueueses, como o de Area de Bon ou o da Banda do Río, a temperatura da auga situarase nos 18º.


Praia de Lagos. Imaxe: Xornal de Bueu.

Desde MeteoGalicia indican que se trata "dunha situación excepcional" xa que ademais das altas presións, haberá unha DANA no Atlántico que fará que a intensidade e a duración do aire cálido sexa superior a outros episodios, provocando temperaturas moi elevadas tanto nas mínimas como nas máximas.


A situación rematará co achegamento da DANA a Galicia, que se prevé durante a fin de semana. Polo tanto, os termómetros poderían dar un respiro para a celebración das Festas do Carme en Bueu.


Recomendacións

Desde a Consellería de Sanidade publican tamén unha serie de consellos para a cidadanía nestes días de calor extremo. Recomendan beber máis líquidos dos habituais como auga e zumes de froita, evitando aquelas bebidas quentes, alcohólicas ou moi azucradas. O mesmo coa comida, evitando as copiosas.


O 112 sitúa a alerta laranxa por altas temperaturas no Morrazo.

Con respecto á vestimenta, Sanidade aconsella usar roupa de tecidos lixeiros, sombreiros, lentes de sol e cremas solares da máxima protección posible. Tamén suxire eludir as actividades físicas nas horas máis calorosas e evitar ir a praia nos tramos de máxima calor, como o mediodía e as primeiras horas da tarde.


Comentarios


bottom of page