top of page

A escritora María Lado achega a perspectiva de xénero á Asociación de Mulleres Rurais Mar e Agro

17 feb 2022
2 min de lectura

O programa "Fiando Redes", da Deputación de Pontevedra, organizou onte o seu primeiro obradoiro en Bueu


A pandemia paralizou o traballo de moitos colectivos, como o da Asociación de Mulleres Rurais Mar e Agro de Bueu. Despois dunha longa espera, as mulleres que integran esta asociación volveron reunirse onte no Centro Social para un obradoiro organizado polo programa "Fiando Redes", da Deputación de Pontevedra. A escritora María Lado, natural de Cee, protagonizou un encontro con máis de vinte mulleres bueuesas para indagar en aspectos como a linguaxe inclusiva. Tamén participou a deputada provincial de Igualdade, Victoria Alonso, que destacou a importancia destas actividades.


Un momento do encontro entre a escritora María Lado e as integrantes da Asociación de Mulleres Rurais Mar e Agro. Imaxe: Xornal de Bueu.

María Lado foi a encargada de impartir un obradoiro moi dinámico e que tivo como eixo a reflexión sobre o emprego das palabras. "A linguaxe pode cambiar o mundo", repetiu en diversas ocasións. Unha frase que contou co amplo respaldo das mulleres participantes, que non dubidaron en aportar as súas visións persoais sobre a perspectiva de xénero ou o feminismo.


A escritora tratou diversos exemplos sobre o sexismo que moitas veces connotan as palabras, que cambian de significado segundo o xénero. Tras isto, volveu incidir na capacidade da palabra para cambiar a realidade. Tamén fixo fincapé en aspectos como o emprego do galego ou a importancia da linguaxe inclusiva na educación.


A escritora María Lado (primeira pola dereita) e a deputada Victoria Alonso (ao seu lado) comparten impresións coas mulleres da asociación. Imaxe: Xornal de Bueu.

A recta final do encontro serviu para a identificación de elementos machistas en titulares empregados polos medios de comunicación. As mulleres tamén participaron nun exercicio de substitución de palabras por outras que foran inclusivas, compartindo en todo momento o seu punto de vista sobre as cuestións tratadas.



As participantes ao final do encontro de onte no Centro Social. Imaxe: Xornal de Bueu.

O de onte foi o primeiro obradoiro de "Fiando Redes", un proxecto que terá continuidade no tempo co obxectivo de tecer redes e sensibilizar en igualdade. A Asociación de Mulleres Rurais demostrou, unha vez máis, que non existen límites para a reflexión sobre as palabras que empregamos no noso día a día.

 
 
 

Entradas recientes

Ver todo

Comentarios


bottom of page