top of page

A loita por unha igualdade real centra o 8M en Bueu

8 mar 2022
2 min de lectura

En 1997, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas proclamou o 8 de marzo como o Día Internacional das Mulleres. Hoxe, 8 de marzo de 2022, Bueu reivindicou a necesidade dunha igualdade real entre mulleres e homes. Os actos comezaron cunha concentración ás 12.00 horas na Praza do Concello na que a concelleira de Igualdade e Benestar Social, Ana Isabel Otero, deu lectura á declaración institucional. O texto, que foi aprobado por unanimidade de todos os grupos políticos na sesión plenaria de onte, fai referencia á loita por unha sociedade máis igualitaria.



Concentración esta mañá diante do Concello. Imaxe: Xornal de Bueu.

O escrito comeza cunha narración de antecedentes como a folga feminista do 2018 para despois adentrarse na incidencia da pandemia. "Esta crise puxo de manifesto a importancia fundamental das contribucións das mulleres así como as cargas desproporcionadas que soportan, tanto a nivel físico como mental", expresou a concelleira, antes de facer referencia a fenda salarial superior ao 23%.


A declaración lembrou diferentes desigualdades que viven as mulleres en eidos como o laboral, o traballo doméstico ou na representación de órganos de maior poder. Así, tamén urxiu un avance nos recursos xudiciais, asistencias, económicos e de protección.




No acto participaron mulleres da Asociación para Persoas con Discapacidade Juan XXIII de Cangas. Unha delas foi a encargada de ler o manifesto, que apela a "alzar a voz polos dereitos das mulleres con discapacidade". Tamén reivindicaron máis emprego para as mulleres con discapacidade, o acceso aos servizos de saúde sexual e reprodutiva e o cumprimento do Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero. A concentración contou co respaldo veciñal e tamén con concelleiros e concelleiras da corporación local, así como alumnos e alumnas dos centros educativos bueueses.


Hoxe tamén se estreou unha nova "Cápsula de Igualdade" na canle de Youtube do Concello. Nela, as profesoras Eva Aguayo e Nélida Lamelas analizan desde unha perspectiva feminista diferentes conceptos como "teito de cristal" ou "modelo de familia nuclear".


Un paseo reivindicativo

O Club Galaicas volveu organizar hoxe o "Paseo da Muller Bueu". Este precorrido de cinco quilómetros, con saída do Parque Ramal dos Galos, anima a percorrer ás rúas onde están visibles diferentes carteis que reivindican este 8 de marzo.


Os rótulos mostran imaxes de mulleres en diferentes ámbitos laborais, como o administrativo, a hostalaría ou o de transportes. Ademais das fotografías, tamén inclúen frases reivindicativas como "Quitáronnos tanto, que acabaron quitándonos o medo". Ademais das saídas organizadas ás 11:00, 17:30 e 20:30 horas, o percorrido está sinalizado durante todo o día.


O venres homenaxe a Aurita Reiriz

A programación continúa o venres coa homenaxe "Bueuesa Senlleira" do Club Golfiños a Aurita Reiriz Otero, fareira da Illa de Ons e pandereteira. Será ás 20:00 horas no Centro Social do Mar.



 
 
 

Entradas recientes

Ver todo

Comentarios


bottom of page