A poesía únese co mar en Sanamedio
A capela de Sanamedio, que xa serviu de inspiración ao trobador Johan de Cangas no século XIV, volve converterse esta fin de semana en epicentro da cultura galega. Será a través da celebración das primeiras xornadas "Id' a San Momed", que xirarán arredor da unión da poesía e do mar.
Organizadas pola asociación O Arquivo das Trasnas, a contorna da capela de Sanamedio albergará o sábado e o domingo diversas actividades que inclúen obradoiros poéticos, presentacións, relatorios, recitais poéticos ou regueifas. Precisamente, a presentación do evento desta mañá abriuse coa lectura dun poema de Bernardino Graña, outro poeta estreitamente ligado ao mar. Foi da man de Beatriz Pereira, unha das representantes da asociación O Arquivo das Trasnas.

As xornadas contan co patrocinio da Xunta de Galicia e no acto desta mañá tamén estivo presente o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, que valorou a programación como "moi ambiciosa, con boa parte dos creadores da vangarda poética da literatura galega". García Gómez tamén destacou a importancia de celebrar este tipo de actos literarios en lugares tan emblemáticos como o de Sanamedio. "O mar xoga un forte papel na tradición literaria de Galicia, estando presente desde os albores da nosa literatura ata a actualidade, o que convida a reflexionar e divulgar estes vínculos", concluíu o representante autonómico.
Pola súa banda, o bueués Daniel Chapela, coorganizador e representante da asociación O Arquivo das Trasnas, foi o encargado de detallar o programa, no que se tratará "unha panorámica xeral da literatura galega, a poesía e o mar" e figuras como Bernardino Graña, Manuel Antonio ou Rosalía de Castro. Chapela tamén sinalou que as actividades son de balde e tan só se precisa inscrición para os obradoiros poéticos (a través de oarquivodastrasnas@gmail.com antes do 10 de xuño ás 23.59 horas).

Á presentación tamén acudiu o párroco da vila, José López, o concelleiro de Cultura, Xosé Leal e o libreiro Fernando Miranda. Este último, que contará cun posto de libros durante o encontro, referiuse á capela de Sanamedio como "centro poético de toda Galicia".
Presentacións, obradoiros ou relatorios
As xornadas abriranse o sábado ás 11.00 horas co relatorio "O mar e as nosas letras", a cargo de Malores Villanueva. Ás 12.00 horas será a presentación de "Uralita", coa intervención da coautora Iria Pinheiro e da poeta Oriana Méndez. Tras un micrófono aberto, será o descanso para a comida e desde a organización animan aos asistentes a xantar no recinto, xa que estará aberto un posto do Bueu Atlético Balonmán con bebidas e comidas.

A tarde do sábado comezará ás 16.00 horas co primeiro obradoiro de poesía, "Se o noso amor e os peixes", impartido pola poeta bueuesa Míriam Ferradáns e dirixido a adultos. Ás 18.00 horas será a quenda do relatorio "Ondas do mar de San Mamed", de Pilar Lorenzo. Á mesma hora terá lugar o segundo obradoiro poética, "Travesía de catro a catro", a cargo de Antía Otero e dirixido á rapazada de 15 a 18 anos. A continuación, ás 19.00 horas será o relatorio "Rosalía quere ver o mar", de Anxo Angueira. Ás 19.00 horas celebrarase un recital poético con Estíbaliz Espinosa, Oriana Méndez e Marilar Aleixandre, antes de rematar o día cunha regueifa mariñeira de Lupe Blanco e Kike Estévez.
O domingo "Id' a San Momed" comezará ás 11.00 horas co relatorio "A pipa e o mar", de Xosé Luis Axeitos. Ás 12.00 horas terá lugar a presentación de "Celpsidras", coa intervención da súa autora, Inma López Silva, e do crítico literario Armando Requeixo. Repetirase tamén o micrófono aberto antes do xantar.

A tarde do domingo ábrese ás 16.00 horas co obradoiro "Travesía de catro a catro", de Antía Otero, neste caso para adultos. Ás 18.00 horas será a quenda de Heitor Mera co relatorio "Bernardino Graña: o poeta do mar". Á mesma hora haberá un obradoiro para a rapazada de 15 a 18 anos, impartido por Míriam Ferradáns e baixo o nome "Mariñeiros de Cangas, meus amigos". Tras isto, Antonio Reigosa impartirá o relatorio "O mar na tradición oral galega" ás 19.00 horas. Estas xornadas despediranse cun recital poético ás 20.00 horas, por Ismael Ramos, Carlota Corredoira e Dani Costas, antes do peche definitivo coa actuación musical de Tino Baz.



Comentarios