top of page

A segunda fase de rehabilitación do estaleiro da Banda do Río comezará nas vindeiras semanas

24 ene 2022
2 min de lectura

A carpintaría de ribeira da Banda do Río vive a recta final da súa recuperación co inicio da segunda fase de rehabilitación nas vindeiras semanas. Tal e como vén de informar o Concello, a mesa de contratación propuxo este luns a Construcciones e Ingeniería Messi como empresa adxudicatoria do contrato, despois de presentar a documentación requirida.


Construcciones e Ingeniería Messi realizará os dous lotes de obras no marco das subvencións do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra. O primeiro, de urbanización exterior e remate, cun importe de 44.533,14 euros. O segundo, de musealización, de 57.615,47 euros.



O estaleiro da Banda do Río trala primeira fase de rehabilitación. Imaxe: arquivo Xornal de Bueu.

Sobre a data exacta de comezo, o alcalde da vila sinala que "é probable que a inicios de febreiro poidamos comezar estas obras, logo de que se aprobe o contrato na Xunta de Goberno Local". A musealización que se vai realizar nesta segunda fase completará a rehabilitación que se rematou en 2018 e que permitiu a posta en valor "dunha instalación de alto valor patrimonial", apunta Juncal.


A recuperación do estaleiro

O estaleiro da Banda do Río, tamén coñecido como estaleiro de Purro, é un dos elementos patrimoniais da vila máis vencellados ao seu pasado mariñeiro. Ao albergar unha das derradeiras carpintarías de ribeira, foi lugar de construción de embarcacións tradicionais e xerme da cultura mariñeira.


A súa rehabilitación dividiuse en dúas partes. A primeira foi a recuperación da infraestrutura tradicional mariñeira, que estaba visiblemente danada polo paso do tempo. Agora, esta segunda fase das obras ten como obxectivo a musealización (con ferramentas e aparellos de traballo) e o remate final.



Vista interior do estaleiro da Banda do Río. Imaxe: arquivo Xornal de Bueu.


Tal e como sinala o Concello, este proxecto de recuperación do estaleiro vai en consonancia con outros como a rexeneración da contorna de Ermelo ou a próxima construción da Sala Arqueolóxica de Pescadoira, esta última a través dun convenio entre Xunta e Concello. "Todos eles poñen de manifesto o apoio do goberno local cara o patrimonio histórico, natural e cultural da vila", apuntan.


Saber máis...


Se queres coñecer máis información sobre o estaleiro de Purro dunha maneira interactiva, recomendamos o documental O ronsel de Manuel Purro, elaborado polo Concello de Bueu. O carpinteiro de ribeira reflexiona sobre o seu pasado traballando no propio estaleiro.




Comentarios


bottom of page