top of page

A zanfona do Museo Massó chega ao "Catálogo de Zanfonas Históricas de Galiza"

2 feb 2022
2 min de lectura

Unha das pezas musicais máis curiosas do Museo Massó está hoxe máis preto de todo aquel que a queira coñecer. O Centro de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo vén de publicar o "Catálogo de Zanfonas Históricas de Galiza", un arquivo dixital e interactivo que permite coñecer 25 destes instrumentos datados entre os séculos XVIII e XX.

Imaxe da zanfona dispoñible no Catálogo de Zanfonas Históricas de Galicia.

A primeira peza que os usuarios poden atopar no catálogo é a zanfona conservada no Museo Massó. Unha ferramenta interactiva permite observala en 360 grados así como facer zoom ou abrir a tapa para comprobar todos os seus detalles.


A imaxe interactiva vai acompañada dunha ficha informativa elaborada por Carlos Castro Costas e Alejandro Dapena de la Fuente. Nela recollen datos de todo tipo e afirman, por exemplo, que a zanfona do Museo Massó data do s.XIX, información apoiada na súa catalogación na Red Digital de Colecciones de Museos de España, onde estiman a súa creación entre 1801 e 1899.


A información recollida no Catálogo de Zanfonas Históricas analiza tamén as súas características. "Zanfona cromática, a tapa do teclado e o cubre roda están pintados, o que constitúe unha rareza", sinalan á vez que indican que parece estar construída nunha madeira parecida ao freixo. O seu acabado xeométrico foi outra das particularidades que chamou a atención dos compiladores da información, que conformaron unha extensa ficha onde analizan todos os elementos da zanfona como a súa estrutura interna, a tapa harmónica ou o fondo.


O "Catálogo de Zanfonas Históricas de Galiza" recolle parte do traballo desenvolvido no I Encontro Celme da Zanfona e ofrece tamén arquivos métricos dos instrumentos para a súa investigación e dispoñibilidade para artesáns. O catálogo está aberto na web para todos aqueles que queiran somerxerse nas profundidades das zanfonas.




Comentarios


bottom of page