top of page

Abre o prazo de licitación das obras de semaforización da rúa Johan Carballeira

22 mar 2022
1 min de lectura

A rede semafórica para regular a intersección da PO-315 coa rúa Johan Carballeira, un dos puntos máis transitados da vila, está máis preto da realidade. O Concello vén de informar da apertura do prazo para que as empresas presenten as ofertas para estas obras de semaforización e que tamén contemplan a rehabilitación do firme da rúa Johan Carballeira.


O orzamento total, tal e como publica a Plataforma de Licitación do Sector Público, é de 115.247,38€ (IVE engadido). As empresas poden presentar as ofertas económicas ata o vindeiro 11 de abril á medianoite. A actuación financiarase a través do Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra.


Ortofoto da actuación entre Johan Carballeira e a intersección coa PO-315. Fonte: Concello.

Mellora da mobilidade

Esta actuación ten como obxectivo a mellora da mobilidade urbana nun punto que acumula un gran fluxo de vehículos. Ademais da instalación de semáforos na intersección entre a estrada PO-315 e a rúa Johan Carballeira, tamén se acometerá a mellora e rehabilitación do firme da propia rúa, no tramo entre estrada autonómica e a rúa Montero Ríos.


Este vial xa foi obxecto de múltiples arranxos nos últimos anos pola densidade de tráfico que reúne. Neste punto coincide o tránsito cara a zona das Lagoas xunto coa conexión coa céntrica rúa Pazos Fontenla. A situación complícase no verán, polo tránsito a praias e espazos turísticos. A rede semafórica que será instalada ten como obxectivo eliminar os embotellamentos e ordenar o fluxo de vehículos.


Tal e como informa o Concello, despois da adxudicación das obras, o prazo de execución é dun mes e medio. Toda a información pode consultarse na Plataforma de Licitación do Sector Público.

 
 
 

Entradas recientes

Ver todo

Comentarios


bottom of page