top of page

As obras do Camiño Vello da Graña avanzan coa colocación da tubaxe no primeiro tramo

22 feb 2022
2 min de lectura

A previsión é que as obras rematen ao longo de marzo, se a climatoloxía o permite


As obras de pavimentación, abastecemento e saneamento do Camiño Vello da Graña, que comezaron a finais de xaneiro, "avanzan a bo ritmo". Así o constatou esta semana o alcalde, Félix Juncal, nunha visita á zona xunto ao arquitecto técnico municipal, Alfredo de la Campa e na que tamén participou o responsable da empresa adxudicataria, COVSA. Juncal tamén incidiu en que a actuación "está ocasionando as mínimas molestias á veciñanza", á vez que marca mediados de marzo como posible data de remate, tal e como tiñan previsto.


O rexedor comprobou que o primeiro tramo do camiño xa ten instalada a tubaxe de abastecemento e a de pluviais. Tal e como informa o Concello, está pendente a parte alta, onde as cunetas se substituirán por tubos pechados para mellorar o ancho do vial nas zonas estreitas. O alcalde ten previsto contactar nos próximos días con FCC Aqualia, a empresa encargada do servizo de abastecemento e saneamento, para que proceda á renovación das acometidas da tubaxe antiga á nova, antes da fase final de asfaltado integral do camiño.



Un momento da visita do alcalde, o arquitecto técnico municipal e o responsable da empresa COVSA. Imaxe: Concello.

As obras teñen un orzamento de 85.671,82 euros e están financiadas con cargo ao Plan Concellos 2020 da Deputación. "Vai supoñer unha mellora importante para a veciñanza e poderemos resolver moitos problemas que se viñeron detectando nos últimos anos", explica Juncal. Precisamente, o tramo inicial en sentido ascendente presentaba continuamente auga.


Dentro desta actuación tamén se estudará a viabilidade de aproveitar a auga do manancial para dispoñer unha fonte pública, sempre e cando a analítica das augas verifique que reúnen as condicións sanitarias e hixiénicas. As obras complétanse coa substitución dos colectores para corrixir as verteduras de augas residuais e a homoxeneización do trazado do vial.


O goberno local avanza que aproveitará a ocasión para arranxar o vial coñecido como Canexa do Rei, próximo á zona. Corrixirase a problemática das augas e tamén se reparará a capa de rodadura.




 
 
 

Entradas recientes

Ver todo

Comentarios


bottom of page