Así será o 8M en Bueu: concentración, homenaxes, teatro e proxeccións
O Concello de Bueu vén de presentar a programación para o 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres. Ese día celebrarase unha concentración ás 12:00 horas diante do Concello, coa lectura da declaración institucional.
O programa continúa o venres 11 coa homenaxe "Bueuesa Senlleira", que promove o Club Golfiños e que se materializa coa publicación de "Aña", un fanzine de periodicidade anual. Este ano a homenaxe é para Aurita Reiriz Otero, fareira da Illa de Ons e pandereteira. O acto terá lugar ás 20:00 horas no Centro Social do Mar.
A cativada será outro dos eixos do programa deste ano. O sábado 12 representarase ás 18:00 horas no Centro Social a obra "Conversas con Tana", dirixida a nenos e nenas de 5 a 12 anos. Esta peza versa sobre cuestións relacionadas coa igualdade de xénero, o fomento do hábito lector ou o coidado do medio ambiente, entre outras. As crianzas tamén recibirán obradoiros sobre igualdade de xénero nos centros educativos, tanto de primaria como de secundaria.

Ademais, o audiovisual terá gran protagonismo este ano coa colaboración do Cineclub Bueu. Proxectaranse dous filmes de temática feminista: "Hive" (12 de marzo ás 20:00 horas) e "O retorno: a vida despois do ISIS" (25 de marzo ás 21:00 horas).
"Debemos seguir poñendo de manifesto que a loita feminista debe ser de todas e todos, e que a educación é un dos piares fundamentais para seguir visibilizando as mulleres nos diversos eidos", explica a concelleira de Igualdade e Benestar Social, Ana Isabel Otero.
Redes sociais
Este mes de marzo o Concello volverá compartir nas súas redes sociais e canle de Youtube un novo episodio das "Cápsulas de igualdade", uns audiovisuais de curta duración elaborados cos fondos do Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero.
Nesta entrega, as profesoras de economía da Universidade de Santiago, Eva Aguayo e Nélida Lamelas, abordan conceptos como "división sexual de traballo" ou "teito de cristal".
Recoñecemento a Isabel Pastoriza Santos
O Concello organizará o sábado 26 de marzo un acto de recoñecemento público a Isabel Pastoriza Santos, que vén de recibir o Premio á Excelencia Investigadora 2021, outorgado pola Real Sociedad Española de Química. A docente e investigadora bueuesa traballa en proxectos centrados no deseño e fabricación de nanomateriais funcionais para o desenvolvemento de sensores ultrasensibles que poden ser empregados no eido ambiental e no da medicina.





Comentarios