top of page

Bueu acolle esta fin de semana o Campionato de España de Traineriñas

27 may 2022
2 min de lectura

Bueu será sede esta fin de semana do LXXV Campionato de España de Traineriñas no que competirán un total de 29 embarcacións nas diferentes categorías: xuvenil feminina, que será a primeira vez nun campionato de España, absoluta feminina, xuvenil masculina e absoluta masculina. Coa organización a cargo do Club do Mar Bueu Teccarsa, as probas clasificatorias terán lugar o sábado ás 18.00 horas e as finais o domingo a partir das 10.30 horas (sección B) e das 12.00 horas (sección A).


A presentación deste evento do remo tivo lugar onte no Concello, coa presenza do alcalde, Félix Juncal; o edil de Deportes, Ricardo Verde; membros da directiva do Club do Mar Bueu Teccarsa, Javier Pazos e Manuel Juncal; o presidente da Federación Galega de Remo, José Manuel Seijsa e o Xefe do Servizo de Deportes da Xunta, Daniel Benavides.


Presentación do Campionato de España de Traineriñas.

Na conferencia de prensa, o alcalde agradeceu o interese por organizar probas de alta competición na vila. "É moi positivo para a vila, apostamos polo deporte de base e de alta competición, consideramos que este tipo de probas proxectan o nome de Bueu", explicou Juncal. Tamén fixo un convite á cidadanía para gozar deste evento de remo.


Pola súa parte, Daniel Benavides, agradeceu o "bo traballo" do Club do Mar Bueu Teccarsa, ante a situación vivida nos últimos anos coa pandemia. "Este evento é unha oportunidade para gozar da vila e reactivar sinerxías con todas as actividades da vila". Desde o club bueués, Manuel Juncal, sinalou que se atopan "encantados de albergar un campionato de España e agardamos estar á altura".


No campionato participarán traineriñas procedentes de diversos lugares. En absoluto feminino competirán: C.R Chapela, C.R Ares, C.R. Cabo de Cruz, C.R. Rianxo, S.D. Tirán, C.R. Mecos, C.R. Puebla, C.C.D. Cesantes, todas de Galicia. En absoluto masculino serán C.M Castropol (Asturias), C.R. Cabo de Cruz, S.D Samertolameu, Club do Mar Bueu, C.R. Ares, C.R Robaleira, C.R Rianxo e C.R Mecos.


Na categoría xuvenil feminina contarase con C.R. Valle de Camargo (Cantabria), S.D.R. Kaiku e Isuntza A.E. (País Vasco) e C.R. Náutico de Riveira e C.C.D. Cesantes. Noutra banda, en xuvenil masculino competirán A.D Castreña (Cantabria), Itsasoko Ama, Ondarroa A.E. e S.D.R Kaiku (País Vasco), C.R. Cabo de Cruz, S.D. Samertolameu, C.R. Puebla, e C.R. Chapela.


O percorrido será de 3.500 metros e irá desde o peirao de Bueu ata a praia de Portomaior. Os premios consistirán nunha bandeira para o primeiro clasificado, así como medallas para os tres primeiros.

Comentarios


bottom of page