top of page

Bueu celebra o Día de Rosalía

23 feb 2022
1 min de lectura

Este mércores 23 de febreiro celébrase o Día de Rosalía, coincidindo coa data de nacemento da recoñecida poeta galega. A recente aparición duns documentos motivaron que a efeméride teña lugar o día 23 e non o 24, como viña sendo habitual. A Fundación Rosalía de Castro convocou o pasado xaneiro unha xuntanza para informar deste cambio, despois de que a documentación aportada pola investigadora galega Sagrario Abelleira acreditara o día 23 como a data real de nacemento da poeta.


O Concello de Bueu informa da celebración deste día con iniciativas como o reparto de manteis entre a hostalaría local, cun deseño baseado no tradicional caldo de gloria de Rosalía, con alusión á gastronomía galega. Tamén inclúe o poema "Miña casiña, meu lar" da obra Follas novas.


No ámbito literario, a Rede de Bibliotecas de Bueu agasalla estes días aos usuarios e usuarias cuns marcapáxinas que recollen versos de dúas recoñecidas poetas da vila: Lucía Novas e Míriam Ferradáns.



Marcapáxinas que se agasallan na Rede de Bibliotecas de Bueu. Imaxe: Concello.

Precisamente, ambas formarán parte dos actos do Día de Rosalía que organiza a Deputación de Pontevedra esta tarde na súa sede en Vigo. Ferradáns será a encargada de ler o Manifesto de Rosalía, proposto pola Asociación de Escritoras y Escritores en Lengua Gallega (AELG). Por outra banda, os asistentes serán agasallados co primeiro exemplar da Colección Medal de poesía feita por mulleres da Editorial da Deputación, titulado Violetas no asfalto, da bueuesa Lucía Novas.

 
 
 

Entradas recientes

Ver todo

Comentarios


bottom of page