top of page

Bueu, primeira parada do balonmán praia na comarca

30 jun 2022
2 min de lectura

A Xira Galega de Balonmán Praia da Federación Galega de Balonmán comeza este verán no Morrazo, que revalida a súa posición como referente na práctica deste deporte. Esta fin de semana, a praia bueuesa da Banda do Río será a primeira sede do Torneo de Balonmán Praia organizado pola Mancomunidade de Concellos do Morrazo, a Federación Galega de Balonmán e o Bueu Atlético Balonmán. Desde o venres e ata o domingo, o areal urbano reunirá a preto de 90 equipos e a máis de 3.000 persoas, entre público e participantes. Unha auténtica cita co deporte, a convivencia e o espectáculo.


Presentación do evento esta mañá no Centro Social do Mar de Bueu.

Serán tres días nos que "todo xirará arredor do balonmán praia", indicou o alcalde bueués e actual presidente da Mancomunidade, Félix Juncal, na presentación esta mañá do evento. O rexedor apuntou á aposta que se fai desde o municipio polo balonmán. "É un recoñecemento ao traballo realizado en anos anteriores polo Bueu Atlético Balonmán e pola Asociación Cultural e Deportiva O Pateño", destacou. Juncal explicou tamén a importancia de acoller a cita deportiva no areal da Banda do Río, que vén de conseguir a bandeira azul por primeira vez tras un longo proceso de recuperación.


O alcalde de Bueu, Félix Juncal, durante a súa intervención.

No acto desta mañá participaron diversas autoridades. O presidente en funcións da Federación Galega de Balonmán, Bruno López, sinalou que Bueu é "a sede ideal" pola súa aposta pioneira polo balonmán praia. Unha idea que remarcou tamén o xefe provincial de Deportes da Xunta, Daniel Benavides. "A provincia de Pontevedra é referencia a nivel estatal con 27 clubs, 5 deles do Morrazo", destacou. Tamén agradeceu o traballo do Bueu Atlético Balonmán durante a pandemia polo seguimento dos protocolos, converténdose tamén en referentes a nivel estatal.


Os atractivos evidentes desta cita deportiva son os seus escenarios, as praias da comarca. O deputado provincial de Deportes, Gorka Gómez, apuntou que "practicar deporte nas praias do Morrazo é sempre garantía de éxito". Gómez tamén centrou a súa intervención no impacto económico que xerará o evento.


A primeira cita do balonmán praia desta fin de semana en Bueu contará con 86 equipos inscritos nas diversas categorías de alevín, infantil, cadete, xuvenil e senior. Ademais, tamén se poderá seguir en directo desde a canle de Youtube e as redes sociais da Federación Galega de Balonmán.


Tralo evento en Bueu, as probas continuarán as tres vindeiras fines de semana na praia da Xunqueira de Moaña. A alcaldesa da vila, Leticia Santos, sinalou que este areal urbano reúne todas as condicións para a práctica do deporte. "Será tamén un evento plenamente sustentable, pois só é necesario o emprego da máquina limpiapraias", explicou.



Ademais das citas co balonmán praia, o acto desta mañá anunciou a celebración da Copa Galicia na localidade de Cangas durante a última fin de semana de agosto. A alcaldesa Victoria Portas destacou a aposta polo deporte de base e "a oportunidade para poñer á mesma altura o deporte feminino".

Comentarios


bottom of page