top of page

Bueu reinventa o seu Entroido, sen desfiles pero con pequenas actuacións das comparsas e obradoiros

4 feb 2022
2 min de lectura

O Concello de Bueu vén de informar do desenvolvemento do Entroido nun formato reducido sen desfile do Paxaro de Mal Agoiro nin Enterriño da Sardiña, pero con obradoiros para a cativada e actuacións ao aire libre das comparsas nas tres parroquias, así como nunha carpa instalada nas Lagoas do 25 de febreiro ao 7 de marzo. A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Silvia Carballo, encargouse en colaboración de asociacións e comparsas, da organización dun Entroido que estará adaptado á situación sanitaria, pero sen perder a súa esencia.


Ademais de suspender os desfiles, tampouco haberá festivais de comparsas como o do Centro Social, mais as agrupacións sairán á rúa para entoar as súas melodías despois dun ano sen poder facelo. Haberá pequenas actuacións pola mañá e pola tarde, ao aire libre, en entornos como a Morada (Meiro), o adro de Cela ou o Parque Joe Novas de Beluso. Tamén na carpa que se instalará no entorno das Lagoas e que albergará actividades reducidas e xogos para a cativada, tal e como informa o Concello. Nos próximos días darase a coñecer a programación definitiva, cos horarios e actividades.



Xuntanza celebrada onte entre colectivos e comparsas coa edil Silvia Carballo. Imaxe: Concello de Bueu.

Nas últimas semanas celebráronse reunións cos diferentes colectivos que participan no Entroido, como asociacións e comparsas. Tamén se contactou coas Anpas dos centros educativos. Finalmente, acordouse a celebración de actividades adaptadas á situación sanitaria.


A edil encargada da organización, Silvia Carballo, indica que se actúa con cautela e non se celebra o Entroido no seu formato habitual. "Acordamos organizar eventos máis pequenos ao aire libre, tal e como recomendan as autoridades sanitarias", explica. O que tamén comparten é a necesidade de ofrecer unha alternativa de ocio á cidadanía. "Todos coincidimos en que a cidadanía necesita un pouco da ledicia do Entroido", conclúe.

 
 
 

Entradas recientes

Ver todo

Comentarios


bottom of page