Comezan as obras do Camiño Vello da Graña
O Concello informa do inicio das obras de pavimentación, abastecemento e saneamento do Camiño Vello da Graña, trala visita do alcalde e do arquitecto técnico municipal, Alfredo de la Campa. O contrato foi adxudicado á empresa COVSA, por un importe de 85.671,82€ euros financiados a través do Plan Concellos 2020 da Deputación. A previsión é que as obras finalicen no mes de marzo, se non existen retrasos por mor da climatoloxía.

Despois do compromiso coa veciñanza nunha reunión en verán, as obras consistirán na repavimentación do camiño, ao mesmo tempo que se sanea a rede de pluviais e se amplía a rede de abastecemento, servizos básicos para a cidadanía. "Vai supoñer unha mellora importante e poderemos resolver moitos problemas que se viñeron detectando nos últimos anos", sinala o alcalde, Félix Juncal.
O Concello informou de que o primeiro tramo en sentido ascendente presenta unha situación complexa, con presenza de auga na vía que emana de terreos contiguos. "Con esta actuación canalizaranse esas augas e buscarase a drenaxe do terreo", explican. Tamén estudase a posibilidade de habilitar unha fonte pública coa auga do manancial, sempre e cando reúna as condicións hixiénico sanitarias precisas, polo que será analizada.
As obras de mellora do Camiño Vello complétanse coa substitución dos colectores para corrixir as verteduras de augas residuais. "Vai supoñer unha regulación de pequenos sobreanchos do trazado do vial que se arranxará con aglomerado asfáltico e se homoxeneizará", indican.
O goberno local avanza que aproveitarán a ocasión para arranxar o vial coñecido como Canexa do Rei, moi próximo á zona. A actuación consistirá na corrección da problemática das augas e a reparación da capa de rodadura.




Comentarios