Conmoción polo falecemento dun corredor durante o Trail do Nocedo
Os gañadores da proba de 25 quilómetros foron Roberto Riobó e Estela Alonso
O deporte volveu invadir onte Beluso na celebración do primeiro Trail do Nocedo, unha proba que rematou coa fatídica nova do falecemento dun dos participantes durante o percorrido da carreira. Desde a organización do evento, a cargo da Asociación por Beluso (Asbel), emitiron onte pola tarde un comunicado onde lamentan a morte do deportista e se poñen a disposición da familia. Informaron de que, de volver celebrarse esta proba, o número do dorsal que levaba o deportista falecido non será portado por ningún outro participante, como acto de homenaxe. Tamén agradeceron o labor dos voluntarios, membros de Protección Civil, persoal sanitario e Policía Local para intentar salvarlle a vida.
O suceso coñeceuse ao final da cita, polo que ata ese momento, o Trail do Nocedo puido desenvolverse con normalidade. O gañador da proba absoluta na categoría masculina foi Roberto Riobó, seguido de Manuel Álvarez e Eduardo Sotelo, conformando un podio no que os tres deportistas pertencían ao Club Corredoiras de Bueu. Na categoría feminina, Estela Alonso conquistou o primeiro posto da carreira absoluta, seguida de Loreto Rodríguez e Manuela Torres. No trailiño, a proba de quince quilómetros, os gañadores foron Manuel Lorenzo e María Aurora González.

Esta nova cita deportiva contou con 176 inscritos, 60 para a carreira de 25 quilómetros e 116 para a de 15 quilómetros. Dispoñía tamén dun gran equipo de voluntarios, ademais da organización e presenza de equipos de seguridade ao longo do percorrido, así como dúas ambulancias. Desde ás oito e media, os deportistas foron chegando a Beluso para recoller e os seus dorsais e foi ás dez da mañá cando tivo lugar a saída desde o Parque Joe Novas. O percorrido de ambas probas atravesou os principais montes da zona, así como lugares tan recoñecidos como Cabo Udra , a praia de Lagos ou Area de Bon.

O Trail do Nocedo foi máis alá do deporte e puxo o foco sobre a tradición e o patrimonio cultural. En seis puntos recreáronse escenificacións de antigas costumes que os corredores observaban ao seu paso. Na praia de Area de Bon atopábanse dous mariñeiros coas artes de pesca, na salgadura de Mourisca dúas traballadoras e nos chouzos de Udra dous pastores. Tamén houbo recreacións na antiga batería militar, nos muíños do Nocedo e nos petróglifos das Abelaires. Ademais de estar vestidos de época, os figurantes contaban con obxectos como un carro ou unha embarcación tradicional, que conseguiron transportar aos asistentes a épocas pasadas.
Na liña de meta, os aplausos da veciñanza animaron aos corredores a enfrontarse aos últimos metros da proba. O speaker da xornada foi o xornalista deportivo Abraham Martínez, do diario AS, que se encargaba de anunciar a orde de chegada. Entre os participantes do Trailiño, Manuel Lorenzo foi o primeiro en atravesar a liña de meta. O segundo posto foi para David Cordero e o terceiro para Darío Arias. Na categoría feminina a gañadora foi María Aurora González.
Foi ás dúas horas e doce minutos cando chegou o gañador da categoría absoluta, Roberto Riobó, seguido moi de preto por Manuel Álvarez e Eduardo Sotelo. A gañadora absoluta feminina foi Estela Alonso (3:00) mentres que Loreto Rodríguez conseguiu o segundo posto e Manuela Torres e Helga Lages compartiron o terceiro, xa que ambas obtiveron o mesmo tempo despois de cruzar a meta xuntas, nunha fermosa manifestación de compañeirismo.
Trala súa chegada, os deportistas puideron pasar polo punto de avituallamento para recuperar folgos e tamén estaba habilitado unha zona de recuperación física con fisioterapeutas.
Na entrega de premios estiveron presentes o alcalde da vila, Félix Juncal; a voceira do grupo municipal do PP, Elena Estévez; o edil de Deportes, Ricardo Verde e a deputada provincial de Cohesión Social, Olga Moreno. Nos galardóns, tamén se entregaron trofeos aos gañadores das seguintes categorías:
Categoría | 1º | 2º | 3º |
Veterano 50 | José Soto | Germán Morenza | José López |
Veterana 50 | Manuela Torres | Raquel Estévez | |
Senior masculina | Darío Sotelo | David Domínguez | Gonzalo Fernández |
Veterano 40 | Manuel Álvarez | Eduardo Sotelo | César Santos |
Veterana 40 | Loreto Rodríguez | Helga Lages | María del Carmen Portela |
Tamén houbo recoñecementos para os primeiros inscritos (María Quiroga e Francisco Fernández), o participante de máis lonxe (José Pons, de Valencia), o equipo con máis corredores (Club Deportivo Pinarium), mellor equipo (Molinillo Team), os participantes máis veteranos (María Quiroga e José Ríos) e o primeiro clasificado de Bueu (Manuel Anxo Gandón).




Comentarios