top of page

Dúas ilustracións para lembrar ao pintor José Solla

11 mar 2022
1 min de lectura

José Solla, un dos referentes artísticos da vila, faleceu o pasado mes de setembro en Arxentina, deixando un gran legado. Hoxe, seis meses despois do seu pasamento, o artista cangués Camilo Camaño entregou dous debuxos orixinais da súa autoría inspirados no pintor, que sempre mantivo unha estreita ligazón con Bueu. Precisamente, o acto de entrega dos debuxos tivo lugar esta mañá diante da escultura "Inés-Palmira", un símbolo da Praza Massó e coa que Solla agasallou á vila.


Camilo Camaño fixo entrega dun dos debuxos ao Concello de Bueu, que informa de que será colocado nalgún dos edificios públicos. A outra ilustración foi para Dolores Solla, sobriña do artista, e que compartirá a obra coa familia residente en Mar da Plata.


Acto de entrega esta mañá dos debuxos do artista Camilo Camaño diante da escultura "Inés-Palmira", de José Solla. Imaxe: Concello de Bueu.

O alcalde, Félix Juncal, xunto ao concelleiro de Cultura, Xosé Leal, agradecen o xesto de xenerosidade de Camaño. "Unha persoa que sempre colabora con nós e coa que compartimos moitos proxectos, e ese cariño especial por Solla, que era unha persoa sinxela, humilde e xenerosa que nunca abandonou a ilusión polo que lle gustaba", declararon.


O alcalde e a sobriña de Solla mostran as ilustracións feitas por Camilo Camaño. Imaxe: Concello.


Solla non só mantén o seu legado na vila coa escultura da Praza Massó, que contén máis de 500 gravados con mosaicos nos que se representan as xentes do Morrazo. No 2013, o Concello bautizou o paseo de Agrelo-Portomaior co seu nome. Agora, as ilustracións de Camaño axudan a manter vivo o seu recordo.

Comentarios


bottom of page