top of page

Guía para o FICBUEU: un percorrido pola súa programación

7 sept 2022
3 min de lectura

Actualizado: 3 oct 2022

A finais desta semana, Bueu converterase na capital galega do cinema durante catorce días da man do Festival Internacional de Cinema de Bueu (FICBUEU). A súa ampla programación e a aposta polas actividades paralelas fan desta cita unha oportunidade perfecta para despedirse do verán. A continuación poderás descubrir algunhas das actividades máis destacadas da súa programación.


1. Acto inaugural

O FICBUEU subirá o pano este domingo cun acto inaugural no Centro Social do Mar e no que se proxectarán as curtametraxes realizadas xunto aos usuarios e usuarias da Asociación Juan XXIII de Cangas e da Asociación Érguete de Vigo. A entrada é de balde, con retirada de invitación previa no despacho de billetes.


2. Proxeccións de Chile, Nixeria ou Singapur

Esta edición contará coa proxección de máis de cen filmes. Na Sección Oficial destaca a calidade e as producións con orixe en diversos países, como, por exemplo, Paquistán, Canadá, Grecia, Brasil ou Romanía. O horario das proxeccións é o seguinte:

  • Sección Oficial: do luns 12 ao venres 16 ás 19.00 e 21.00 horas.

  • Sección Retrospectiva: do luns 12 ao xoves 15 ás 17.00 horas.

  • Sección Descubertas: venres 16 ás 17.00 horas.

  • Sección España: o sábado 17 ás 17.00 horas.

  • Sección Galicia R: o sábado 17 ás 19.00 horas.

Na seguinte imaxe poderás atopar algunhas das curtametraxes que se proxectarán na Sección Oficial.



3. Premio a Miguel de Lira

Cunha ampla experiencia e traxectoria no teatro, no cinema e na televisión, Miguel de Lira é o elixido para recibir o Premio Cinema Galego deste ano. Ademais da súa carreira, a organización destaca o compromiso do actor coa cultura e a sociedade galega. O xornalista Gaspar Broullón será o encargado de entrevistar a Miguel de Lira nun formato que estará dispoñible no Canle FICBUEU.

Miguel de Lira

4. MiniFIC para a rapazada

O FICBUEU contará cunha programación especial para o público máis mozo. Arrancará o luns 19 coa proxección da Sección Escolas Internacionais e de Escolas de Imaxe e Son e Facultades Galegas, que rematará coa entrega de premios. Do martes 20 ao xoves 22 seguirá coas proxeccións para os centros de ensino e rematará o venres 23 coa Gala Escolas Galegas, un obradoiro de storyboard, un concerto de Brais das Hortas e a Sección Curtas en familia.


5. Ruta das Tapas 5 Estrelas

Os amantes da gastronomía non poderán perderse a sétima Ruta das Tapas, que se celebra do 9 ao 18 de setembro e no que diversos establecementos presentarán un petisco inspirado no cinema. Este ano participan: A Cepa, Buena Vibra, Casa Quintela, Casa Videira, Esmorga, Morriña, Noite Tapas, O Farol, O Ratiño Pequeno, Pyramis, Secretos del Mar e Volver.


Unha elaboración da Ruta das Tapas 5 Estrelas. Imaxe: FICBUEU.

O prezo das tapas é de 2.50 euros, igual que en edicións anteriores, e aqueles que entreguen o folleto con cinco selos entrarán no sorteo de tres ceas por valor de 50€.


6. Coloquios con cineastas

O festival ofrece a oportunidade única de asistir a coloquios coas directoras e directores das curtametraxes internacionais, así como dos cineastas nacionais. Estes encontros permiten ao público reflexionar cos autores sobre as curtametraxes proxectadas.


Un dos coloquios da última edición do FICBUEU. Imaxe: FICBUEU.

7. Música e programas de radio

A música tamén estará presente no festival co concerto de clausura de Tulsa, unha cantante vasca que comezou o seu percorrido musical a finais dos 90.



Outra das actividades paralelas será a gravación do primeiro programa da tempada de Carne Cruda, con entrevistas aos convidados do festival e que versará sobre cinema. O ámbito radiofónico complétase coa realización de Espazo Negativo, que dedicará dous programas ao festival.


8. Entrega de premios

O sábado 17 vivirase unha das xornadas de máis nervios coa entrega de premios. Neste acto daranse a coñecer os premiados de cada categoría coa presenza de autoras e autores e membros do xurado.


9. Xornadas Cinematográficas

O FICBUEU pecharase o 24 de setembro cunha das principais novidades da edición, as Xornadas Cinematográficas: esculpindo tempo. Este espazo para a reflexión sobre a arte do cinema contará coas seguintes actividades: clase maxistral con José Manuel Mouriño, conversa sobre o tempo e o cinema con Andrea Morán e Daniela Urzola, mesa redonda sobre o ritmo e as realidades temporais da montaxe, un encontro con Oliver Laxe e a proxección de "Zerkalo", de Andrei Tarkovski.


10. Caderno FICBUEU #3

A publicación desta edición pon o foco no primeiro centro de estudos cinematográficos fundado en España, o Instituto de Investigacións e Experiencias Cinematográficas, que posteriormente pasou a ser a Escola Oficial de Cinematografía. O caderno será presentado polo seu autor, Severiano Casalderrey, o sábado 17 ás 11.00 horas.

Comentarios


bottom of page