Kase.O, Rayden e Arnau Griso nas primeiras confirmacións do Sonrías Baixas 2022
A música en directo regresa este verán a Bueu cunha das súas citas máis agardadas. A primeira fin de semana de agosto volverá a ser unha data marcada no calendario dos festivais galegos. O SonRías Baixas vén de confirmar a súa celebración no seu formato habitual o 4, 5 e 6 de agosto de 2022.

Xunto ao anuncio, o propio festival desvelou esta mañá as súas primeiras confirmacións. Como vén sendo habitual, os artistas ofrecerán unha mestura de ritmos para un público moi diverso. Entre os cabeza de cartel atópase o rapeiro Kase.O, que volverá a subirse ao escenario do festival despois de esgotar as entradas este verán. Kase.O era tamén un dos confirmados para o SonRías Baixas de 2020, edición que non se puido celebrar no formato habitual. Este 2022 o artista regresa cun novo repertorio e acompañado da súa banda Jazz Magnetism.
Outro dos artistas que repetirá é Rayden. O cantante actuou na edición MicroSonRías de 2020, logrando un "sold out", é dicir, esgotou todas as entradas para o seu concerto. Agora volve para estrearse no formato habitual do festival. O madrileño vive actualmente un dos seus mellores momentos, trala publicación en marzo do seu álbum Homónimo. Rayden tamén participará no Benidorm Fest, onde sairá a canción que representará a España en Eurovisión en maio de 2022. A súa proposta, "Calle de la Llorería", é unha das favoritas e xa superou as 300.000 reproducións en Spotify.
Esta edición recibirá tamén ao dúo Arnau Griso, autor de éxitos como "Es gratis" (18 millóns de visualizacións en Youtube) ou "Para Que el Mundo lo Vea" (8 millóns de visualizacións). Os seus integrantes, Eric Griso e Arnau Blanch, anunciaron este ano a súa separación musical co álbum "Eric Blanch" e unha xira de despedida. A actuación no festival bueués é a única oportunidade para vivir en directo o seu adeus musical en Galicia.
O cuarto artista confirmado é o grupo catalán Balkan Paradise Orchestra, formado por once mulleres que tocan instrumentos de vento e percusión, como a trompeta, a batería ou o clarinete. O seu enérxico espectáculo mestura ritmos tradicionais con outros máis internacionais. A súa última publicación foi o EP Game Sessions.
Desde Cataluña tamén chegará o grupo de rock Buhos. "Nuestros amigos nos bautizaron como Buhos por las horas en las que hacíamos música. Todo empezó como un juego. Vosotros habéis hecho que nuestros sueños se hagan realidad", apunta o propio grupo na súa web. A data do SonRías é a única confirmada en Galicia para a súa xira de 2022 e presentarán os avances do seu novo disco, tal e como anunciou a organización do festival.
Este primeiro adianto da programación do SonRías confirmou tamén o concerto do galego García Mc, que actuará coa banda Nación Quilombo. No seu directo, cheo de ritmos, darán a coñecer o seu novo álbum, Arquipélago Quilombo.
Nas vindeiras semanas serán anunciados máis artistas que conformarán o cartel do SonRías Baixas 2022, unha edición que pretende ser "unha grande festa da música en directo na península do Morrazo e un polo de atracción turística e de dinamización socioeconómica no territorio", sinala a organización.
Entradas á venda o mércores 29
As entradas para asistir saen á venda este mércores 29 ás 12.00 horas, na páxina web oficial do festival (www.sonriasbaixas.info). Os abonos para os tres días poderán adquirirse por 45 euros (máis gastos de xestión). As entradas con este prezo serán limitadas, con motivo do lanzamento do cartel do festival.
As entradas do SonRías Baixas de 2020, cancelado pola pandemia, serán válidas para o 2022. "Tal e como a organización comunicou desde o primeiro momento da suspensión da 18ª edición, os bonos son válidos para a seguinte edición do festival en grande formato, como é o caso da que se celebrará os próximos 4,5 e 6 de agosto", apuntan. Para calquera consulta sobre as entradas, os usuarios deben comunicarse a través do correo festival@sonriasbaixas.info.





Comentarios