Nova maquinaria para a brigada de obras e servizos
Nos próximos días comezará a primeira fase de limpezas, desbroces e baldeos de rúas
Un dumper e unha máquina de alta presión forman parte, desde este venres, da brigada de obras e servizos do Concello de Bueu. O alcalde, Félix Juncal, xunto ao capataz da brigada, Álvaro Otero, recibiron estas dúas novas incorporacións que o Concello adquiriu por 24.000 euros, con cargo a fondos propios.
Tal e como sinalan, o dumper será empregado para depositar e mover terras en diferentes obras, como pavimentacións ou saneamentos e abastecementos. Ata o de agora, o Concello tiña que alugar unha máquina deste tipo para as actuacións que requirían estes traballos.

Pola outra parte, a máquina de alta presión servirá para a limpeza en profundidade de rúas, paseos ou parques, co obxectivo de manter unha maior salubridade. O alcalde avanzou que nos próximos días comezará a primeira fase de limpezas, desbroces e baldeos. "Uns traballos que continuarán na primavera e no verán", explica.

Desde o Concello expoñen que nos últimos anos están dotando á brigada de máis medios e recursos. Lembran, por exemplo, a adquisición dunha máquina varredora, unha furgoneta ou un vehículo de limpeza de praias. "Ademais da mellora nos servizos, o Concello continúa apostando polo coidado do medio ambiente e dos espazos públicos", conclúen.




Comentarios