top of page

O alcalde e a presidenta da Deputación asinan o convenio para a mellora da biblioteca municipal

15 feb 2022
2 min de lectura

Esta mañá tivo lugar a sinatura do convenio para a transformación da Biblioteca Torrente Ballester. O alcalde da vila, Félix Juncal, firmou o documento xunto á presidenta da Deputación, Carmela Silva. A reforma e mellora da biblioteca terá un orzamento de preto de 920.000 euros, dos que a Deputación aportará 687.500 euros no marco das subvencións do Plan ReacPon.


Un momento da sinatura do convenio, entre Félix Juncal e Carmela Silva. Imaxe: Deputación de Pontevedra.

"Este é un deses proxectos cos que soñabamos e víamos que nunca estaban ao noso alcance", apuntou o rexedor bueués. No acto oficial, Juncal afirmou que os fondos ReacPon supoñen unha gran oportunidade á vez que puxo en valor "o modelo de cogobernanza" da Deputación. "Empoderáronnos e temos o deber de protexer e defender algo que sentimos xa como propio", aludiu.




A presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou que Bueu elixise como proxecto a reforma da biblioteca, xa que é un lugar "onde reside o coñecemento". Tamén fixo fincapé na transformación do espazo nun "lugar de encontro que garanta o dereito ao coñecemento de toda a veciñanza de todas as idades".


Silva considera que se trata dun proxecto moi "potente" e vencellado ás "necesidades funcionais e medioambientais", como o emprego sostible da auga ou a accesibilidade. Na firma tamén estivo presente o vicepresidenta da Deputación, César Mosquera, que felicitou ao alcalde polo proxecto da biblioteca.



De esquerda a dereita: a presidenta da Deputación, Carmela Silva; o alcalde de Bueu, Félix Juncal e o vicepresidente da Deputación, César Mosquera. Imaxe: Depo.


O proxecto

A reforma da biblioteca municipal Torrente Ballester, situada no Parque do Ramal dos Galos, consistirá na súa ampliación cunha planta adicional de 360 metros cadrados que permitirá o traslado do Arquivo Municipal, actualmente en Cela.


Ademais, o proxecto implicará a ampliación de diferentes salas da biblioteca, para usos como coloquios ou obradoiros, á vez que aumenta a súa accesibilidade, coa dotación dun ascensor e a creación de ramplas nos accesos. Tamén se levará a cabo o reforzo estrutural desde a cimentación, poñendo fin, por exemplo, ás fendas que presentan algúns tabiques. Outros dos aspectos que sufrirán melloras é a eficiencia enerxética, cun novo illamento en toda a envolvente e o aproveitamento da enerxía solar fotovoltaica.



 
 
 

Entradas recientes

Ver todo

Comentarios


bottom of page