O Concello continúa co plan de mantemento de vías municipais
O Concello vén de informar da continuidade do plan de mantemento de vías municipais con traballos centrados en reparacións, como fochancas, dalgúns viais públicos das tres parroquias. As actuacións están sendo executadas pola empresa COVSA cun importe próximo aos 15.000 euros. O alcalde aproveita a ocasión para requirir melloras ás demais adminsitracións titulares doutras estradas.
O alcalde e concelleiro de Obras e Servizos, Félix Juncal, indica que "as condicións meteorolóxicas non deterioraron ultimamente demasiado os camiños da rede municipal", á vez que sinala que existían algunhas accións pendentes de finais do ano pasado.

O Concello tamén anuncia que proximamente licitarase a mellora do firme e a instalación da rede semafórica no cruce entre as rúas Johan Carballeira e Pazos Fontenla. A este plan de mellora tamén se suman outras actuacións como o pavimentado de varias rúas do centro urbano ou as obras de mellora do Camiño Vello da Graña. "O goberno local está ultimando os proxectos de pavimentación de máis camiños municipais para incorporar ás subvencións do Plan Concellos 2022 e ao plan marco da AGADER", indica o Concello.
Para o alcalde, a liña de traballo dos últimos anos do goberno "permite que a día de hoxe o estado de conservación das vías municipais mellorase considerablemente" , á vez que indica que "aínda queda traballo por facer".
Juncal aproveita a ocasión para requirir melloras ás administracións titulares doutras estradas da vila, como a Consellería de Infraestruturas da Xunta, a Deputación de Pontevedra ou Portos de Galicia. Estas demandas serán trasladadas nas próximas semanas e o rexedor considera que "é necesario que as distintas administracións se encarguen de implementar melloras e mantemento nas súas estradas, a poder ser, antes da tempada estival". Juncal explica tamén que este ano esperan contar coa mellora integral da rúa Pazos Fontenla, na PO-315, de titularidade autonómica.
Melloras no abastecemento no depósito do Castrillón e recuperación da auga da Fonte dos Cabalos
O Concello informa tamén da colocación dunha tubería de abastecemento desde o camiño de acceso ao depósito de auga do Castrillón. O alcalde visitou os traballos, onde están sendo colocados arredor de 200 metros de tubaxe e que completan a outra actuación desde a Fonte dos Cabalos.

A recuperación da auga na Fonte dos Cabalos é "un compromiso cos veciños e veciñas do lugar, que nos trasladaron o interese en diversas ocasións", explica Juncal. Deste xeito, o Concello realizou un seguimento á obra para estudar a posibilidade de recuperar os antigos mananciais, con diversas catas, pero sen a súa localización polo momento.
Con todo, o Concello explica que continúa coas xestións para intentar devolverlle a auga a esta fonte. "Segundo a veciñanza a auga perdeuse hai anos cando se ampliou a estrada autonómica da PO-551", aclaran. Polo de agora, a auga está sendo levada desde o depósito do Castrillón ata a Fonte dos Cabalos.




Comentarios