O Concello impulsará o PERI da Praia de Beluso xunto aos propietarios e propietarias
A actuación pretende potenciar a zona e permitirá conseguir máis dotacións locais
O concelleiro de Urbanismo, Martín Villanueva, tivo esta semana unha xuntanza cos propietarios maioritarios do PERI (Plan Especial de Reforma Interior) da Praia de Beluso, polígono 16. O obxectivo, tal e como informa o Concello, é retomar e relanzar a bolsa de solo desa zona. Villanueva está satisfeito coa reunión mantida, que foi a petición dos propietarios e coa que agarda que o proxecto teña o seu empuxe definitivo.

O Concello apunta a que tal e como acontece noutros polígonos do PXOM, a actuación na Praia de Beluso permitirá conseguir dotacións locais, como a apertura de viais, zonas verdes e algún equipamento, mellorando a calidade de vida da veciñanza e das persoas visitantes. "Non se trata dunha actuación que transforme a Praia de Beluso, senón que potenciará o seu valor patrimonial, paisaxístico, medioambiental e turístico, ao que engadiremos un valor socioeconómico do lugar", sinalan o alcalde, Félix Juncal e o concelleiro de Urbanismo, Martín Villanueva.
Na xuntanza, os propietarios e propietarias amosaron a intención de darlle un pulo aos terreos, conscientes de que é a única alternativa. Para iso, solicitarán ao Concello a modificación do sistema de xestión polo de compensación, xa que o PXOM establece que o sistema é o de cooperación. "Este cambio permitirá que os propietarios e propietarias poidan levar a iniciativa, aínda que sempre coa tutela e acompañamento do Concello", explican. O seguinte paso será que o grupo, que representa a máis do 60% da propiedade dese ámbito, se formalice como xunta de compensación.
A xunta de compensación é o paso firme para que se poida levar a cabo, agardando que algún operador externo ou axente urbanizador amose interese na actuación e se faga cargo da xestión en todo o proceso. "Desexando sempre que todo discorra coa máxima transparencia, por iso os propietarios e propietarias entenden que a presenza e asesoramento do Concello é fundamental", conclúe Villanueva.
O Concello sinala tamén a súa intención para solucionar algúns problemas da Praia de Beluso, no referente á accesibilidade e seguridade.




Comentarios