O Concello pavimentará dous tramos en Montemogos cunha subvención da AGADER
O Concello de Bueu vén de informar da solicitude dunha subvención á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) para a pavimentación de dous tramos de sendas na zona de Montemogos, en Beluso. A actuación suporá a unión do camiño de baixada e subida de Area de Bon e tamén o que vai desde a saída desta praia en dirección a Lagos.
A actuación está valorada en 58.490,10 euros (IVE engadido) e foi solicitada no marco do Plan de Mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2022-2023. Trátase dunha liña de axudas á que o Concello ten acceso de maneira anual e que ten como obxectivo a mellora dun vial que se atope sen pavimentar.

O alcalde e edil de Obras e Servizos, Félix Juncal, explica que as actuacións que se presentan á liña de subvencións do Plan Marco deben cumprir unha serie de requisitos. "Un deles é a existencia de fincas agrícolas, o que fai que debamos priorizar uns viais e non outros", sinala.

Estas obras de pavimentación afectarán a dous tramos de 380 e 190 metros respectivamente, moi empregados pola veciñanza da zona e que permitirán mellorar o acceso ás vivendas.




Comentarios