O GALP traballa nunha nova estratexia da zona pesqueira cunha primeira reunión en Bueu
O GALP Ría de Pontevedra comezou onte en Bueu un novo proceso participativo para identificar as necesidades territoriais e definir as liñas de actuación para a súa mellora. O obxectivo é a actualización da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP), documento que orientará a aplicación do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e da Acuicultura (FEMPA) no período de fondos europeos 2021-2027.
Neste primeiro encontro no Centro Social do Mar, sector pesqueiro, institucións, entidades sociais e veciñanza axudaron a identificar as necesidades do territorio da ría de Pontevedra. Tamén definiron liñas de actuación para a mellora da situación. Precisamente, a nova estratexia será amplamente consensuada e ademais de ter como eixo o desenvolvemento sostible, engade dous novos ámbitos, a transición ecolóxica e dixital.

Ademais, tivo lugar a Asemblea Xeral do Galp que congregou a máis de trinta representantes de diferentes entidades. Durante o encontro discutiuse a adaptación dos estatutos ao novo período de fondes europeos 2021-2027. Así mesmo, explicáronse en detalle as etapas do procedemento participativo que concluirá coa elaboración da estratexia, que se presentará á Consellería do Mar a finais de setembro.

Desde o Galp Ría de Pontevedra indican que valoran positivamente a participación tanto da cidadanía como das entidades sociais nesta primeira asemblea. As súas respostas servirán para trazar unha nova EDLP. "Uns retos que van desde a creación de emprego, a aposta pola innovación, o relevo xeracional no sector pesqueiro e a consolidación de proxectos emprendedores", sinalan desde o GALP. Todo iso incluíndo á vez a sostibilidade medio ambiental e o coidado e preservación do patrimonio cultural.





Comentarios