top of page

O paro continúa en descenso na vila e rexistra oito persoas desempregadas menos en febreiro

2 mar 2022
2 min de lectura

A publicación esta mañá dos datos de paro do mes de febreiro confirman a tendencia descendente coa que a vila iniciou o ano. En febreiro rexistráronse 742 persoas desempregadas, oito menos que o mes anterior. Ademais, Bueu é o único municipio da comarca do Morrazo que creou emprego en febreiro.


A comparativa anual confirma tamén o descenso. En febreiro do ano pasado había na vila 879 parados, 137 máis que este ano. Porén, a situación era diferente naquel entón, cun gran número de persoas afectadas polos ERTE derivados da pandemia. Se se remonta ata o 2020, un mes antes do inicio da pandemia, en Bueu existían 761 desempregados e desempregadas, 19 máis que en 2022.




Os datos de desemprego mostran un desglose segundo diferentes criterios. No mes de febreiro contabilizáronse 25 parados menores de 25 anos, un menos que o mes anterior. Con respecto aos maiores de 25 anos tamén se produce un descenso, con 717 desempregados, sete menos. No referente ao sexo, conta 441 mulleres paradas (unha máis) e 301 homes (nove menos).


A información por sectores amosa que a maior baixada prodúcese na agricultura e na pesca, con sete desempregados menos. Tamén descenden os parados na industria (un menos) e na construción (tres menos). O sector servizos é o único que non crea emprego en febreiro e suma 520 desempregados (tres máis). Con respecto ás persoas que non contan con emprego anterior, a cifra segue estabilizada, con 37 desempregados.





Situación na comarca

O Morrazo rexistra en febreiro 5.339 persoas desempregadas, 77 máis que no mes anterior. É unha tendencia ascendente, diferente á de Bueu, que foi o único municipio que creou emprego en febreiro. Cangas rexistra 1.858 parados (17 máis), Moaña 1.378 (49 máis) e Marín 1.361 (19 máis).




Unha ollada a Galicia

A comunidade pechou febreiro con 154.509 persoas desempregadas, 577 máis que en xaneiro. Porén, na comparativa interanual rexístrase unha baixada e a directora de Formación e Colocación, Zeltia Lado, indicou esta mañá que o número de parados reduciuse nun -7,05% con respecto ao inicio da pandemia.

 
 
 

Entradas recientes

Ver todo

Comentarios


bottom of page