top of page

O pleno aproba a RPT cos votos de BNG e ACB

8 feb 2022
4 min de lectura

Na sesión tamén se ratificou unha moción sobre a ampliación do Museo Massó e a aprobación do proxecto de reforma da biblioteca Torrente Ballester. O PP levou a pleno unha moción sobre o vial de baixada do tanatorio


O Centro Social acolleu onte a sesión plenaria do mes de febreiro, cuxa orde do día comezou coa aprobación definitiva da Relación de Postos de Traballo (RPT). Este documento saíu adiante cos votos a favor do goberno local, BNG e ACB, e contou co voto en contra do grupo municipal do PP, que afirmou que a RPT "non se sostén legalmente", tal e como expresou a súa voceira. O pleno contou coa ausencia do grupo municipal do PSOE.


O alcalde, Félix Juncal, comezou a exposición da RPT explicando que foi un proceso longo, con inicio oito anos atrás. "Permítenos ter un marco de seguridade xurídica, regularizar unha situación e supón un acto de xustiza contributiva co persoal municipal", aclarou. Juncal lembrou que se trata dun documento vivo, "que se pode ir actualizando".


A voceira do PP bueués, Elena Estévez, iniciou a súa intervención facendo referencia ao número de alegacións recibidas así como a súa variedade. "Demostra que esta RPT non é certo que sexa consensuada", apuntou. Estévez tamén se referiu á legalidade do documento, xa que "na aprobación inicial e definitiva vén acompañada dun informe de Secretaría e Intervención desfavorable, esta RPT non está sustentada legalmente". Tamén cuestionou o procedemento a seguir ante a posibilidade de que se presente un recurso contencioso administrativo á vez que preguntou porque a empresa redactora, Galivalia, non participou na última parte do procedemento.



Un momento da sesión plenaria celebrada onte.

"Máis vale un mal acordo que un bo pleito". Así comezou Julio Villanueva, voceiro de ACB e vicealcalde, que remarcou que a RPT está consensuada pola "ampla maioría" de traballadores do Concello. "É fundamental sacar adiante a RPT", finalizou.


Tras isto, o alcalde volveu intervir para acusar á voceira do PP de "aproveitar todo para dotarse de argumentos en contra porque non quere que se aprobe". Juncal destacou que se propuxo á secretaría xeral a posibilidade de solicitar o informe da consultora se fora necesario. "Non é a RPT do alcalde, é que a se negociou nos últimos anos e aprobada por unanimidade pola Mesa Xeral de Negociación", concluíu.


Estévez dirixiuse entón para pedir que se recoñecera que existen informes desfavorables dos técnicos e apuntou que "hai traballadores aos que se lle reduce o complemento específico coa RPT". "Claro que a RPT é necesaria e obrigatoria, pero non queríamos unha que non se sostén legalmente e non imos apoiala", rematou.


Cos votos a favor de BNG e ACB, a Relación de Postos de Traballo entrará en vigor coa publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOPPO) e a aprobación dos orzamentos xerais do 2022.


A ampliación do Museo Massó tamén a debate

O pleno, que se puido seguir por Youtube, contou cunha moción presentada por BNG e ACB para instar á Consellería de Cultura da Xunta a planificar os traballos para que non condicionen a ampliación do Museo Massó, así como para que afronte as seguintes fases da ampliación en base ao proxecto elaborado polo arquitecto Manuel Gallego Jorreto no 2002.


O voceiro do BNG, Xosé Leal, foi o encargado de dar lectura á moción que narrou os antecedentes, tralo anuncio da Consellería de Cultura o 15 de xaneiro dun investimento de 1.1 millóns de euros para a creación da Sala Urbano Lugrís así como outras melloras. A moción lembrou o acordo plenario de 2008 para a cesión dunha parcela á Consellería para a ampliación do museo, cun total de 3.400 metros cadrados de edificabilidade. "Entendemos que é importante a asignación de fondos para a reforma, pero os traballos non poden invalidar o obxectivo primordial que é a ampliación", explicou Leal.


Elena Estévez abriu as intervencións explicando que no proxecto de Gallego non se tiña en conta a salgadura descuberta posteriormente. A voceira reafirmou a aposta da Consellería polo museo. "Primeiro haberá que manter e rehabilitar o que hai, a moción paréceme un pouco oportunista", á vez que aclarou que non ían apoiala.


No seu turno, o voceiro de ACB instou a dirixir un maior financiamento ao museo. "No 2009 o bipartito contribuía en 8 millóns de euros e agora Cultura inviste un millón", remarcou.


Leal volveu intervir para aclarar que "é unha moción de oportunidade, non oportunista" á vez que refería que non era un condicionante para a salgadura descuberta. O debate rematou cunhas palabras do alcalde, nas que fixo fincapé en que se podería estar perdendo o que cualificou como unha oportunidade histórica. "Como goberno entendiamos que era necesario actualizar ese apoio a que eses metros se utilicen para esa finalidade", rematou Juncal.


Votación na moción sobre a ampliación do Museo Massó.

Finalmente, a moción saíu adiante cos votos a favor do BNG e ACB, mentres que o PP votou en contra.


O PP presentou unha moción para a mellora do vial de baixada do tanatorio


O grupo municipal do PP levou ao pleno unha moción para instar á mellora do tramo interior da baixada desde a entrada principal do tanatorio ao vial da Deputación EP-1303. A voceira, trala lectura, apuntou que os cambios derivados da pandemia aumentaron o emprego dese vial por servizos funerarios e usuarios. "Gustaríame que se priorizara unha actuación de mellora", recalcou.


O voceiro do BNG, Xosé Leal, considerou que a moción podería ser unha pregunta sobre se está previsto actuar no vial e confirmou que é unha actuación que xa está na axenda do goberno.





Estévez tomou a palabra para facer referencia a unha dobre vara de medir. "Se fora unha pegunta dirían que presentemos moción, se é do goberno é que hai preocupación e se a presenta o PP xa está na axenda do goberno", explicou.


"O raro sería que o goberno non tivera algo previsto para ese camiño", contestou Juncal. O alcalde adiantou que nos próximos meses haberá actuacións resultantes do traballo dos últimos anos. "Non imos facer deixadez de funcións, vai ser un ano interesante para Bueu e invito á cidadanía para que desfrute desa materialización", concluíu.


Finalmente, a moción non saíu adiante, pois contou cos votos a favor do PP pero BNG e ACB votaron en contra.


Aprobación do proxecto de reforma da Biblioteca Municipal


O pleno tamén deu luz verde á aprobación do proxecto técnico de reforma e ampliación da Biblioteca Municipal Torrente Ballester, que se levará a cabo no marco das axudas REACPON da Deputación, cun orzamento próximo ao millón de euros.


A reforma suporá unha transformación no edificio tanto de maneira arquitectónica como nos seus servizos, adaptándose ás novas tecnoloxías. Sumarase unha planta adicional de 360 metros cadrados e permitirase o traslado do Arquivo Municipal.



 
 
 

Entradas recientes

Ver todo

Comentarios


bottom of page