O pleno aproba o documento inicial do inventario de camiños de Bueu e rexeita as mocións do PP
O luns celebrouse no Centro Social do Mar o pleno ordinario de marzo, onde tivo lugar a aprobación inicial do inventario de camiños de titularidade municipal da parroquia de Bueu, cos votos a favor do goberno local e as abstencións de PP e PSOE. As dúas mocións presentadas polo PP, para o mantemento do campo de fútbol da Graña e a instalación dunha rede de recarga de vehículos eléctricos, non prosperaron ao contar cos votos en contra dos grupos do goberno local.
O inventario de camiños de Bueu chegou ao pleno para a súa aprobación inicial, despois de que as demais parroquias (Cela e Beluso) xa conten co seu. O voceiro do BNG, Xosé Leal, afirmou que se trata dun "traballo continuista que contou cunha primeira fase de consulta cos colectivos de Bueu". O alcalde, pola súa parte, recalcou a importancia que supón en termos de "garantía administrativa".
A voceira do PP, Elena Estévez, manifestou que o sentido do seu voto sería a abstención. "Gustaríame deixar constancia que sería interesante facer unha revisión pormenorizada e que quede o máis axustado posible aos camiños", apuntou Estévez, antes de anunciar que agardarán ao período de exposición pública para determinar o seu voto ante o documento definitivo. A abstención tamén marcou o voto do PSOE, cuxo voceiro, José Manuel Vilas, afirmou que non entendía "as referencias a normas subsidiarias que xa non rexen o municipio".
O concelleiro de Urbanismo, Martín Villanueva, tomou a palabra para concretar a metodoloxía de traballo do documento. Villanueva sinalou a importancia da participación veciñal no período de exposición pública para a recollida de alegacións antes da aprobación definitiva.

Mocións para o mantemento do campo de fútbol e instalación dun punto de carga de vehículos eléctricos
Por outro lado, o grupo municipal do PP levou a pleno dúas mocións. A primeira delas instaba ao goberno local a realizar unha actuación de mantemento urxente no campo de fútbol da Graña. "O mantemento é deficiente, xa se arreglou parte pero necesitan asentos da grada, arranxo dos banquillos, solucionar o alumeado...", relatou Isolina Villanueva.
O alcalde da vila manifestou "estar en contra da visión catastrofista" á vez que referiu que os traballos de mantemento xa se iniciaron. O voceiro de ACB, Julio Villanueva, tamén seguiu a mesma liña: "é unha moción fóra de tempo porque xa se estaba traballando niso". Finalmente, a moción non foi aprobada ao contar cos votos en contra do BNG e ACB e a favor do PP e PSOE.
A outra moción presentada polos populares tivo o mesmo resultado. Nese caso, a proposta instaba ao goberno a solicitar axudas para a instalación dunha rede de recarga de vehículos eléctricos. "No propio PMUS se establecían uns prazos e é importante ir dando pasos para que sexan realidade canto antes", sinalou a voceira do PP que tamén mencionou outros concellos, como o de Moaña, que están en proceso de instalación destes puntos.
O voceiro do BNG, Xosé Leal, apuntou a que só existen 22 vehículos eléctricos na vila. "Entendemos que non é o prioritario das medidas que hai para desenvolver no PMUS", aclarou. Pola súa parte, ACB tamén argumentou o seu voto en contra nesta mesma liña.
Declaración institucional 8M
No pleno foi aprobada por unanimidade a declaración institucional con motivo do Día Internacional da Muller, que foi lida onte na concentración feminista. O texto contou co respaldo de todos os grupos políticos e facía fincapé na necesidade de loita por unha igualdade real entre homes e mulleres. O escrito tamén mencionaba a fenda de xénero e as discriminacións que sofren as mulleres.
Na sesión tamén saíu adiante a proposta da alcaldía da aprobación da addenda ao convenio para que a comunidade autónoma de Galicia asuma o desenvolvemento dos procesos selectivos unitarios dos corpos da policía local e auxiliares. Segundo o rexedor, "isto significa renovar o convenio polo que a Xunta se fai cargo dos procesos selectivos das prazas de policías locais, o que permite traballar con máis previsión e descargar a presión dos concellos".




Comentarios