Un calendario para ilustrar Bueu no 2022
Actualizado: 18 ene 2022
O faro da Illa de Ons, a capela de Santos Reis, Sanamedio, a igrexa de Ermelo ou o estaleiro de Purro. Estes son algúns dos lugares elixidos para acompañar aos meses do 2022. O Concello presentou esta mañá o almanaque que acaba de editar para o vindeiro ano, con 15 ilustracións realizadas polo artista local Josuha Xanbreo.
Os calendarios serán entregados ao persoal municipal así como a asociacións e colectivos sociais, culturais, deportivos e educativos da vila. De igual xeito, calquera veciño ou veciña poderá descargalo na páxina web do Concello. Ademais das orixinais láminas, o calendario lembra datas relevantes a nivel local, autonómico e internacional.

No acto de presentación, o concelleiro de Cultura, Xosé Leal, destacou que a idea do almanaque xurdiu en outubro despois da colaboración de Josuha Xanbreo para o deseño dos carteis das Freguifestas de 2021. Leal tamén sinalou que esta iniciativa pon en valor "os elementos patrimoniais das tres parroquias e a creación artística".

Ademais das ilustracións, o calendario inclúe un texto do alcalde Félix Juncal. Baixo o título de "O Bueu que somos", Juncal resalta a importancia patrimonial da vila para o seu pasado, presente e futuro. "Levamos traballando nun proxecto de aposta polo patrimonio e a cultura", sinala o rexedor.
O artista: Josuha Xanbreo
Na presentación do almanaque participou o autor das láminas, o bueués Josuha Xanbreo, que explicou o proceso creativo. "O único que está feito dixitalmente é a edición e a cor das ilustracións, o demais está feito a lapis", apuntou.
O artista tamén se permitiu certa liberdade creativa para cohesionar elementos como na portada, onde incorpora a escultura de José Solla, a praza de Massó xunto a cheminea e a Casa do Concello. A mesma técnica foi empregada para a ilustración da fonte do Cura. "Quixen darlle visibilidade a fonte e ao lavadoiro pola ruta elaborada por Patrimonio",explicou.
Josuha Xanbreo tamén participou este verán nas "Debuxadas", unhas rutas onde debuxantes profesionais e amateurs facían percorridos con paradas para realizar ilustracións de diferentes lugares da vila.
Que lugares foron escollidos para o calendario?
A elección dos lugares ilustrados respondeu a diferentes criterios. Por unha parte, o propósito foi representar elementos de todas as parroquias. "O obxectivo é ter un almanaque persoalizado de Bueu, que sirva para que a xente se sinta orgullosa dos nosos principais elementos de identidade", apuntou o concelleiro de Cultura, Xosé Leal.
Facendo clic na seguinte lista, podes descubrir os sitios ilustrados no almanaque.
Lugares seleccionados para cada mes
Xaneiro: capela de Santos Reis.
Febreiro: aula da natureza de Cabo Udra.
Marzo: biblioteca municipal Torrente Ballester.
Abril: monumento a Johan Carballeira.
Maio: Casa do Pobo de Beluso.
Xuño: faro da Illa de Ons.
Xullo: igrexa de Ermelo.
Agosto: adro de Sanamedio.
Setembro: parque Joe Novas.
Outubro: aula de interpretación do litoral de Agrelo.
Novemebro: fonte do Cura e igrexa de San Martiño.
Decembro: igrexa románica de Cela.

Ademais dos doce meses e a portada, o calendario contén unha contraportada interior cun plano detalle dunha embarcación tradicional do estaleiro de Purro e unha contraportada exterior da paisaxe de Pescadoira, coa nave de Deportes Náuticos.
O calendario distingue ata 67 efemérides
O almanaque sinala diferentes datas relativas ao municipio. Hai marcados 9 días referidos a mulleres, co obxectivo de visibilizar a súa figura, tal e como sinalou o concelleiro de Cultura. Atópanse, por exemplo, o nacemento da mestra Amalia Domínguez Búa (19 de xaneiro) ou a entrega da medalla estatal ao Traballo á recadeira María Mundín (3 de abril).
Do mesmo xeito represéntanse nove efemérides masculinas, como os nomeamentos de fillos predilectos ou adoptivos de figuras como Joe Novas, Fernando de la Rúa, Juan Veiga ou os membros da corporación de 1936, así como o día do asasinato do alcalde e xornalista Johan Carballeira.
As tradicións locais tamén están presentes, con días como o da romaría de Sanamedio (Freguifesta), a Semana da Cultura Mariñeira, as festas patronais ou o recordo o 25 de decembro ao Bando de Nadal de Cela.
O calendario tamén inclúe dúas datas relativas ao deporte local: o nacemento do porteiro de fútbol Amador Lorenzo e o día no que o velocista coñecido como Paco Cabanillas foi campión de España de 100 metros.
Nas efemérides autonómicas están sinaladas, por exemplo, o nacemento de Castelao, o día de Rosalía ou o día das Artes Galegas. No eido internacional destácanse datas como o Día Internacional da Educación, o Día Mundial da Auga, o día da Clase Traballadora ou o Día Mundial contra o cancro de mama.
Como se consegue o calendario?
O Concello editou unha tiraxe inicial de 500 exemplares para o Nadal, 250 en tamaño A3 e outros 250 en A4. O primeiro reparto foi entre o persoal municipal. Nos próximos días, o Concello agasallará cos almanaques a asociacións, colectivos culturais, deportivos, sociais e centros educativos da vila. Tamén se realizará un sorteo especial nas redes sociais do Concello. Ademais, calquera persoa interesada pode descargar o seu para imprimilo na páxina web do Concello.
Esta iniciativa pretende ter continuidade durante os próximos anos. "Trátase de que se acabe convertendo nun elemento coleccionable, non deixa de ser unha peza artística", concluíu Leal.





Comentarios