top of page

Un concerto para lembrar ao fotógrafo José Suárez e o seu paso por Bueu

11 abr 2022
2 min de lectura

O fotógrafo galego José Suárez chegou a Bueu en 1936 para filmar un documental sobre os mariñeiros galegos que, finalmente, non veu a luz. Pero a cámara e a visión de Suárez deixaron un dos bens materiais máis importantes para comprender o pasado da vila. As súas fotografías recordan, case un século despois, a importancia da vida mariñeira e o seu desenvolvemento na vila. Para lembralo, o Concello trae este xoves, a través da concellaría de Cultura, o concerto híbrido "José Suárez. Suite para unha vida", baixo a dirección artística de Rafael Fernández. Os asistentes poderán gozar no Centro Social do Mar, ás 20:30 horas, dun percorrido da vida e obra de Suárez, a través de música imaxes.



Mariñeiro coa Praia de Beluso ao fondo. Imaxe: José Suárez.


Segundo destaca o edil de Cultura, Xosé Leal, "trátase de dar a coñecer a figura de José Suárez, un fotógrafo que estivo en Bueu nos anos 30 e que se inspirou na nosa vila e nas súas xentes". Esta actividade enmárcase no programa "Bueu Gozosos Anos 30", que ten como obxectivo dignificar e lembrar a memoria e a vida cultural na vila previa ao golpe de Estado do 36.





Baixo a dirección artística do música Rafael Fernández, "José Suárez. Suite para unha vida" propón un percorrido pola vida e obra do fotógrafo en catro partes, coa colaboración do sobriño do fotógrafo, Xosé Luis Suárez Canal. Cada parte contará con música atmosférica inspirada nas fotografías, ademais de fragmentos de texto do propio Suárez e doutras figuras como Unamuno ou Blanco Amor.


Outra fotografía da serie "Mariñeiros", de José Suárez.

A primeira parte, "Galicia e os mariñeiros" ten como obxectivo dignificar o mundo mariñeiro retratado na serie "Mariñeiros". A segunda, "Exilio", reflicte a soidade do autor na súa separación de Galicia, ademais dun percorrido por fotografías doutras temáticas. Pola súa parte, a terceira, "Xapón e a súa espiritualidade" evoca a admiración que sentiu Suárez co pobo xaponés. Para rematar, "Retorno e morte" tratará o momento vital de Suárez marcado pola depresión, a desesperanza e, finalmente, a morte.


O concerto contará con Rafael Fernández e Virxilio Fernández á guitarra eléctrica, Bleuenn Le Friec na arpa, Álex Salgueiro cos teclados e Iván Torres na parte visual.

Comentarios


bottom of page