top of page

A concentración de motos regresa a Bueu e xa ten data: do 10 ao 12 de xuño

20 abr 2022
2 min de lectura

A volta á normalidade supón a o regreso de eventos e citas que a pandemia obrigou a cancelar nos últimos dous anos. Un deles é a concentración de motos da vila, organizada por Moteros do Morrazo, e que vén de confirmar a súa celebración. As motos xa teñen data para regresar a Bueu: do 10 ao 12 de xuño. A que será a novena concentración de motos contará cunha programación completa, coas xa características rutas e exhibicións.


O venres 10 de xuño, trala apertura de inscricións, haberá unha misa solemne en memoria dos socios falecidos na Igrexa de San Martiño, ás 19:00 horas. Pola noite, o grupo vigués "Broken Peach" animará a velada, xunto aos DJ's "Vecky-Jackobs" e Ruben Díaz.



Cartel da concentración deste 2022. Imaxe: Moteros do Morrazo.


A programación para o sábado 11 comeza coa apertura de inscricións e unha ruta con pinchada pola zona, seguida dunha exhibición de stunt a cargo do barcelonés Narcís Roca. Ás 21:00 horas haberá unha proba de decibelios e motos lentas, trala que se celebrará unha cea para os inscritos. Xa pola noite regresará unha das actividades máis agardadas, a ruta nocturna con antorchas polas rúas bueuesas. Á volta haberá queimada e sorteo de regalos para inscritos, xunto unha festa a cargo do DJ Rubén Díaz, que finalizará cun show nocturno.


A concentración rematará o domingo cun almorzo para os inscritos e unha ruta matinal. O barcelonés Narcís Roca volverá realizar unha exhibición de stunt e os moteros despediranse cunha homenaxe aos compañeiros falecidos e unha entrega de trofeos.


A data límite de inscrición anticipada é o 1 de xuño e teñen un custo de 17 euros, 12 para os socios. Sen ser anticipada custarán 20 euros, 15 para socios. A inscrición dá dereito a unha caña de benvida, unha bolsa de regalo, unha camiseta, a antorcha, a cea do sábado e ao almorzo do domingo. O abono hai que facelo na conta ES53 0133 4730 7142 0000 1871 e para solicitar máis información teñen dispoñible o teléfono 623 494 580.

Comentarios


bottom of page