top of page

A Deputación pon en valor o seu modelo de mobilidade no Día Sen Coches cunha visita á rúa A Pedra

22 sept 2022
2 min de lectura

Este xoves celébrase o Día Mundial Sen Coches e desde a Deputación de Pontevedra súmanse á data coa posta en valor do seu modelo de mobilidade sostible e segura, así como de recuperación do espazo público para as persoas. Por ese motivo, o vicepresidente provincial, César Mosquera, visitou a rúa A Pedra, que foi humanizada no 202o, á vez que se converteu na primeira da vila con plataforma única. A visita tamén contou coa presenza do alcalde, Félix Juncal e do edil de Mobilidade, Xosé Leal.


Co percorrido pola rúa bueuesa, o vicepresidente, César Mosquera, exemplificou as actuacións executadas na comarca do Morrazo con financiamento provincial. Estas accións supuxeron, en conxunto, un investimento acumulado de 6.673.000 euros nos concellos de Bueu, Cangas e Moaña.


O vicepresidente provincial, César Mosquera e o alcalde da vila, Félix Juncal, durante a visita desta mañá. Imaxe: Depo.

No caso da rúa A Pedra, a humanización rematou en 2020 con financiamento do plan provincial DepoRemse e supuxo unha transformación radical no centro urbano. "Deixouse atrás o caos de beirarrúas estreitas e moi altas, e preto de medio cento de coches aparcados permanentemente por un espazo humanizado no que as persoas que camiñan son protagonistas", indicou durante a visita.


Pola súa parte, Félix Juncal, afirmou que Bueu está entre os concellos que buscan ter espazos amables e agradables. "Esta rúa é un dos moitos exemplos de recuperación de espazos públicos grazas á Deputación, con ela entramos nun novo escenario das políticas que teñen en conta a mobilidade, a accesibilidade ou a eficiencia enerxética", explicou o rexedor.


Mosquera tamén lembrou que o movemento de sacar os coches das zonas nas que a cidadanía fai vida comezou en 1973 e avanzou ata que no 2000 a Comisión Europea declarou o 22 de setembro como Día Sen Coches.


Outro momento da visita. Imaxe: Depo.

Outras actuacións executadas co Plan Concellos, como a reurbanización da contorna da piscina municipal ou a senda do río Bispo, tamén incidiron directamente na recuperación de espazo. Entre as futuras actuacións proxectadas polo goberno local atópanse, por exemplo, a humanización do centro de Beluso .

Comentarios


bottom of page