A musealización do estaleiro recupera o foso da serra de cinta
Tamén se trasladaron embarcacións,máquinas, pezas e ferramentas que estaban no Museo Massó
A segunda fase das obras do estaleiro da Banda do Río comezou fai dúas semanas e desde o goberno local informan de que se están desenvolvendo a bo ritmo. Onte mesmo, o concelleiro de Cultura, Xosé Leal; o edil de Patrimonio, Alberto Moital e o arquitecto técnico e director das obras, Alfredo de la Campa, visitaron o lugar. Os traballos están sendo realizados pola empresa Construcciones e Ingeniería Messi, cun orzamento de máis de 102.000 euros, financiado a través do Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra.

Ademais da urbanización exterior desta antiga carpintería de ribeira, a actuación inclúe o traslado de embarcacións tradicionais, máquinas, pezas e ferramentas que se atopaban no Museo Massó. Tamén se está a recuperar o foso da serra de cinta, coa revisión dun restaurador e cumprindo así un dos compromisos que o goberno local establecera coa Asociación de Embarcacións Tradicionais Os Galos. Nesta liña, están sendo valorados, xunto coa empresa, os recursos que formarán parte da exposición ao público e os contidos audiovisuais.

Esta musealización supón o complemento da rehabilitación do estaleiro, rematada en 2018 e que segundo valora o alcalde, Félix Juncal, "permitiu que se iniciase a posta en valor dunha instalación de alto valor patrimonial". Agora, con esta nova parte de interpretación dos contidos, a antiga carpintería agarda estar plenamente rehabilitada antes do inicio da tempada estival, informan desde o Concello.
O estaleiro da Banda do Río supón unha conexión coa cultura mariñeira da vila e o seu pasado, sendo a derradeira carpintería de ribeira en activo e onde se construíron múltiples embarcacións.




Comentarios