top of page

A praia da Banda do Río consegue por primeira vez a bandeira azul

11 may 2022
2 min de lectura

Actualizado: 26 may 2022

Un total de 112 areais galegos terán este verán unha bandeira azul, distintivo co que cada ano a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) recoñece a praias de todo o mundo con criterios de sostibilidade e de servizos. A principal novidade en Bueu chega coa obtención da bandeira azul para a praia urbana da Banda do Río, por primeira vez na súa historia.


"Este areal partía duns niveis altísimos de contaminación, que logramos erradicar grazas ás políticas implementadas na última década por este goberno", sinala o alcalde da vila, Félix Juncal, xunto á concelleira de Promoción Económica e Turismo, Silvia Carballo. Precisamente, xa o ano pasado se puxo en marcha o servizo de socorrismo no areal, ademais da instalación duns aseos autolimpables no paseo de María Eugenia para a mellora da accesibilidade.



Praia da Banda do Río. Imaxe: Concello.


Para Juncal, esta bandeira azul é un "soño cumprido". "É un momento ilusionante que pon a guinda ao traballo de moitos anos e de moitas persoas, no seu momento supoñía unha utopía e agora é un soño cumprido". O alcalde fai referencia ao ano 2007, cando se iniciou a renovación das infraestruturas na desembocadura do río, para eliminar verteduras de augas residuais á praia que impedían o baño. Juncal tamén apunta á renovación dos colectores ou á dotación dunha infraestrutura máis moderna para previr os desbordamentos do río na tempada de outono e inverno. "Todas esas medidas incidiron directamente na mellora das analíticas das augas neste areal", engade.


Pola súa parte, a concelleira de Promoción Económica e Turismo, destaca que "estes galardóns son unha garantía de que nas praias se cumpren determinados parámetros medioambientais, de limpeza e de servizos como o socorrismo, así como das políticas sustentables que levamos no Concello mellorando os servizos ano a ano", conclúe.


Cinco areais e dous centros azuis

Ademais desta nova bandeira azul, Bueu revalida as que xa tiña, converténdose nun dos municipios da provincia con maior número de galardóns. O Concello consegue este verán cinco bandeiras azuis para as praias de Area de Bon, Portomaior, Lagos e Lapamán. Revalida tamén o distintivo azul para a Aula da Natureza de Cabo Udra e o Centro de Interpretación de Agrelo.


Os criterios esixidos para a obtención das bandeiras azuis están relacionados coa calidade das augas, que ten que ser excelente, a seguridade e a accesibilidade coa dotación de servizos. Tamén inflúe a xestión ambiental e a sostibilidade dos espazos.


Comentarios


bottom of page