A XII Bandeira de Bateis de Bueu agarda a participación dun cento de embarcacións
Este sábado Bueu acolle a XII Bandeira de Bateis, unha regata organizada polo Club do Mar Bueu-Teccarsa, coa colaboración do Concello de Bueu e que espera a participación dun cento de embarcacións. Así o sinalou Javier Pazos, membro da directiva do club este mediodía, nunha rolda de prensa que tamén contou coa participación do alcalde, Félix Juncal e do concelleiro de Deportes, Ricardo Verde.

A proba terá saída do peirao ás 16.00 horas e o percorrido será dirección á praia da Banda do Río. Trátase dunha proba clásica do calendario de regatas de Bateis da Zona Sur, con formato de regata en liña, en quedas lanzadas na mesma categoría, cun minuto de intervalo e con cinco minutos entre as distintas categorías.
Precisamente, tomarán primeiro a saída as traiñeiras de Alevín feminina, Infantil feminina, Cadete feminina, Xuvenil feminina e Absoluta feminina. A continuación será a quenda de Alevín masculino, Infantil masculino, Cadete masculino, Xuvenil masculino e Senior masculino.

A organización agarda a participación dun cento de embarcacións da Zona Territorial Sur, como o CM Bueu, CR Chapela, CR Coruxo, SD Tirán ou SD Samertolameu, entre outros. Finalmente, as traiñeiras gañadoras nas categorías masculina e feminina obterán unha bandeira conmemorativa da proba.



Comentarios