A ximnasia regresa ás parroquias
A pandemia paralizou en 2020 moitas actividades. Unha delas foi a ximnasia de mantemento nas parroquias de Beluso e Cela. Este mes, o programa deportivo "En forma nas parroquias" volveu a ambos lugares, desenvolvéndose no Pavillón Municipal de Beluso e no Torrecino de Cela. O alcalde, Félix Juncal e o concelleiro de Deportes, Ricardo Verde, visitaron esta semana as clases.
Estas actividades, que son gratuítas, están organizadas polo propio Concello e contan con cen prazas, algunhas delas aínda dispoñibles. O programa deportivo continuará ata xuño e completa ás clases que xa se impartían desde setembro na piscina municipal.
"En forma nas parroquias" dispón de clases os luns e mércores no Pavillón de Beluso en dúas quendas de vinte e cinco persoas cada unha: a primeira de 9 a 10 horas e a segunda de 10 a 11 horas. Mentres, en Cela os días escollidos son os martes e xoves de 10 a 11 horas. O Concello informa que tamén programará outro grupo na Casa da Aldea de Meiro, que se detallará nos vindeiros días.
Desde o goberno local sinalan a aposta polas políticas de fomento de actividades deportivas no marco da acción "Bueu Saudable", que acolle a persoas que realizan deporte adaptado e coloquios sobre hábitos saudables. "A nosa idea é recuperar a normalidade de antes da pandemia de forma progresiva" sinala o concelleiro de Deportes, Ricardo Verde, que tamén apunta a que moitas persoas demandaban a actividade física nas parroquias.





Comentarios