top of page

A Xunta aproba o proxecto de construción da glorieta da Portela

12 ene 2022
2 min de lectura

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de aprobar o proxecto de mellora da seguridade viaria na estrada PO-551, na contorna do Alto da Portela, tal e como recolle hoxe o DOG. A intervención proxectada no punto quilométrico 14+400 da estrada Marín-Rande, que comunica Bueu e Cangas, conta cun investimento próximo aos 530.000 euros. A actuación principal é a construción dunha glorieta de 40 metros de diámetro, con dous carrís de circulación e beiravías. A intersección actual será reconfigurada así como os xiros e accesos da circulación.

O proxecto foi definido polo departamento de Infraestruturas da Xunta coa finalidade de reordenar a intersección da PO-551, na que conflúen en escasos metros a estrada EP-1301 A Portela-Beluso e un pequeno viario de acceso ao núcleo da Portela. Para logralo, executarase unha glorieta de 40 metros de diámetro cun anel central de 20 metros que reconfigurará os xiros e os accesos. Haberá dous carrís de circulación de catro metros e beiravías exterior e interior dun metro.


Novas achegas


Despois de analizar as achegas presentadas no proceso de información pública, o proxecto introduce modificacións. Unha delas é a inclusión de sendas peonís nas dúas marxes da estrada provincial EP-1301 A Portela-Beluso, cun ancho mínimo de 2,5 metros e balizadas mediante ollos de gato. Tamén se incorpora a execución dun paso de peóns sobreelevado para conectar as dúas marxes da vía.



Intersección no Alto da Portela onde se proxecta a construción da glorieta. Imaxe: Xornal de Bueu.

O proxecto inclúe salvagabias para o acceso ás parcelas por riba da nova cuneta en formigón na marxe dereita da EP-1301. Nas sinais incorporarase o texto "San Amedio" con distancia 2,5 quilómetros e modificarase a indicada para o núcleo de Beluso, pasando a ser de 4 quilómetros.


A Xunta sinala que con esta actuación faise viable o desenvolvemento urbanístico do polígono da Portela. Apuntan que se dá cumprimento ao compromiso adquirido cos empresarios.



Tramo onde está previsto a construción da glorieta no Alto da Portela. Imaxe: Xornal de Bueu.

A intervención coordinouse coa modificación do S.A.U.I -1 (Solo apto para urbanizar industrial) do polígono da Portela, xa que os terreos da marxe sur da glorieta están dentro desa área. Tamén se tivo en conta a obra, xa finalizada, da senda entre Trasouto e o Alto da Portela, que contou cun investimento de 645.000 euros.

Comentarios


bottom of page