A Xunta declara a prealerta por escaseza de auga na conca do Lérez, que abastece a Bueu
A Xunta activou esta mañá a prealerta por escaseza de auga na conca do río Lérez, que abastece aos municipios de Pontevedra, Poio, Marín, Sanxenxo, Bueu e Ponte Caldelas. Así o comunicou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, trala reunión semanal do goberno galego.
Rueda indicou que se acordou elevar este nivel ante os datos que apuntan á escaseza que "podería comprometer as reservas de auga cara o final do verán".
O presidente da Xunta fixo fincapé na necesidade de "sensibilizar e concienciar á poboación" así como "intensificar as accións de control". Precisamente, esta nova situación, de prealerta por escaseza, implica a contabilización dun xeito detallado dos recursos dispoñibles. Tamén se dirixiu aos concellos para levar a cabo o control e aforro en consumos municipais, como baldeos de rúas, regas ou usos de auga non prioritarios relacionados co ocio.

Desde o pasado 1 de xullo, Rueda revelou que se produciu unha "caída abrupta do nivel da auga do Lérez" , que levou a Xunta a advertir a Ence e a empresa adoptou este xoves a suspensión temporal da produción.
Que é a prealerta por escaseza?
A activación do estado de prealerta é unha medida preventiva da Xunta que ten como obxectivo a anticipación ante un posible episodio futuro de escaseza de auga, así como a toma de conciencia por parte de concellos e cidadanía sobre a necesidade de facer un consumo responsable.





Comentarios