top of page

Abre o prazo de alegacións do inventario de camiños municipais de Bueu

29 mar 2022
2 min de lectura

O documento recolle 271 camiños de titularidade municipal e foi aprobado inicialmente no pleno de marzo


O Boletín Oficial da Provincia (BOPPO) publicou o venres 25 o anuncio relativo á aprobación inicial do Inventario de Camiños Municipais da Parroquia de Bueu e a partir do cal se abre o período de alegacións durante un mes. O documento, que se pode consultar no Portal de Transparencia da Sede Electrónica do Concello, recompila 271 camiños de titularidade municipal.


Na primeira parte do documento detállase a metodoloxía que se seguiu para a súa realización para dar paso ás fichas individualizadas de cada camiño rexistrado. Nelas recóllese información identificativa do camiño, como a súa localización cartográfica e catastral e as coordenadas do punto de inicio e de remate. Tamén se contemplan medicións sobre a súa lonxitude e ancho medio, características sobre o tipo de pavimento, servizos como o abastecemento de auga ou sinalización vial, entre outros.



Un dos camiños que aparece no documento.

Á hora de incluír un camiño neste inventario debía cumprir dúas condicións: que aparecese recollido no catastro actual como vía de comunicación de dominio público ou que o camiño presentase sinais externas moi evidentes do seu uso público. A maiores, o trazado do camiño debe aparecer nos planos das Normas Subsidiarias Municipais de Planteamento de 1986 ou estar grafado na cartografía catastral de 1956.


Este documento inicial foi aprobado no pleno de marzo cos votos a favor do goberno local e coas abstencións de PP e PSOE. Súmase aos dous inventarios de Cela e Beluso e é un elemento que ten como obxectivo dotar ao Concello dunha maior seguridade xurídica á hora de realizar trámites como o acceso a subvencións que requiran acreditación da titularidade de viais. O alcalde, Félix Juncal, destaca que os inventarios de camiños das tres parroquias suman unha década de traballo. "Aínda que estamos ante documentos vivos que poden ir mudando coas achegas da cidadanía", engade.


O concelleiro de Urbanismo, Martín Villanueva explica que para realizar o inventario houbo un proceso de participación cidadá previo. "Reunímonos coas comunidades de montes e asociacións veciñais", sinala. Con todo, o período de alegacións para este tipo de documentos é importante para a súa mellora.



Comentarios


bottom of page