top of page

Análise demográfica | A idade media da poboación bueuesa sitúase nos 46 anos

29 mar 2022
3 min de lectura

Actualizado: 12 abr 2022

O Instituto Galego de Estatística (IGE) vén de publicar os resultados do seu último estudo demográfico. Esta análise non aporta só datos a nivel galego, senón que permite observar diferentes indicadores a nivel municipal. No caso de Bueu, cunha poboación de 11.987 habitantes, a idade media sitúase en 46 anos, lixeiramente máis baixa que a media galega de case 48 anos (47,7). Nesta serie de datos tamén se observan as tendencias de natalidade, envellecemento ou de mortalidade, que baixa con respecto ao 2019.


A idade media dos bueueses atópase en fase de ascenso, o que indica envellecemento da poboación, e está a incrementarse ano tras ano. Unha década atrás, no 2011, a idade media era de 43 anos. No 2021 chegouse por primeira vez á cifra de 46 anos. Por sexos, as mulleres teñen unha idade media de 47 anos, mentres que os homes de 44.


Os datos do IGE mostran tamén a distribución da poboación por grupos de idade. No 2021, a porcentaxe de menores de 20 anos en Bueu é do 16,24%, mentres que a de persoas de entre 20 e 64 anos é 60,27%. A poboación de 65 anos ou máis supón o 23,49%. Nos seguintes gráficos móstrase unha comparativa da porcentaxe dos grupos de idade entre 2011 e 2021.



Envellecemento

Para medir a velocidade de envellecemento emprégase o índice de envellecemento, que mide o número de persoas de 65 anos ou máis por cada 100 menores de 20 anos. En Bueu situouse no 2021 en 144,66, o que significa que por cada 100 menores de 20 anos contabilízanse máis de 144 persoas bueuesas maiores de 64 anos. A cifra é inferior á media galega, cun índice de envellecemento do 163.



Outro indicador empregado é o índice de sobreenvellecemento, que sinala que en Bueu existen 14 persoas de 85 anos ou maiores por cada 100 de 65 anos ou máis.


No referente á taxa de mortalidade, esta é inferior á de 2019, ano previo á pandemia. Bueu rexistrou 105 defuncións no 2020 polo que a taxa sitúa case nove falecementos (8,72) por cada mil habitantes, mentres que un ano antes a cifra situábase en 10,23 falecementos. Cómpre mencionar que haberá que agardar aos datos de falecementos do 2021 para medir o impacto real.



A idade media á maternidade é de case 33 anos


Se se pon o foco sobre o número de nacementos, a taxa bruta de natalidade en Bueu é de 6,40, é dicir, contáronse 6 nacementos por cada mil habitantes. No 2020 houbo 77 nacementos e a idade media bueuesa á maternidade foi de case 33 anos, similar á cifra galega, mentres que a idade media ao nacemento do primeiro fillo foi de 30 anos, sen apenas cambios con respecto a idade de fai unha década.


O último dos aspectos recollidos é a taxa de nupcialidade, que mide o número de matrimonios por mil habitantes. No caso de Bueu rexistráronse 2,91 no 2020, cifra superior á media galega (2,08). Aínda así é un dato baixo con respecto ao 2019, no que se rexistraron 4,24 matrimonios por mil habitantes. Este descenso está motivado polas limitacións derivadas da pandemia, xa que no 2020 tan só houbo 35 casamentos. Tamén se amosa a idade media ao primeiro matrimonio, que no caso das mulleres é de 33 anos e no dos homes de 34.


Unha ollada á comarca

Os datos demográficos de Bueu van en sintonía cos do resto da comarca do Morrazo. No caso da idade media da poboación, Bueu presenta o dato máis elevado pero trátase de pequenas diferenzas. Os demais municipios sitúanse nos 45 anos e medio, mentres que Bueu xa chega aos 46.





Outro dos indicadores é a densidade de poboación, que fai referencia ao número de habitantes por cada quilómetro cadrado de superficie. Neste caso a de Bueu é de 390 habitantes por quilómetro cadrado, a máis baixa do Morrazo como se recolle no gráfico anterior.




Comentarios


bottom of page