top of page

Arela busca en Bueu persoas para convivir con adolescentes que cumpren unha medida xudicial

23 ago 2022
2 min de lectura

A asociación Arela e o Concello buscan persoas ou familias que queiran convivir con adolescentes que teñen a obriga de cumprir unha medida xudicial de convivencia cunha persoa ou familia. Esta actuación enmárcase dentro do programa CONVIVE.COMigo, levado a cabo entre a asociación e a Xunta de Galicia co obxectivo de que os adolescentes poidan vivir unha tempada nun ambiente socializador que lles permita modificar as circunstancias que motivaron a medida.


Neste contexto, tivo lugar unha reunión entre a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Ana Isabel Otero, co director de Arela, Julio Barreiro e a técnica do programa, Eva Piñeiro. No encontro acordouse a colaboración do Concello para a difusión e o achegamento do programa á cidadanía, coa finalidade de que poidan xurdir novas persoas ou familias interesadas. Precisamente, xa en anteriores campañas se constatou o interese por parte da poboación bueuesa, agardando que este ano os resultados volvan ser positivos.


Reunión da concelleira Ana Isabel Otero co asociación Arela. Imaxe: Concello.

Os requisitos para formar parte do programa son ser maior de idade, dispoñer dunha vivenda adecuada, estabilidade emocional, compromiso de traballo en equipo ou garantir un alto grao de dispoñibilidade. Tamén se valora positivamente a formación relacionada en ciencias sociais, a experiencia previa en programas de acollemento familiar ou a predisposición a ser formadas en temáticas como adolescencia e cursos de carácter xurídico.


Arela ofrece unha formación grupal e individual, así como o asesoramento con acompañamento de profesionais e un financiamento de 40 euros diarios durante os meses que permaneza o adolescente coa familia ou persoas. Para máis información sobre o programa, pode consultarse a páxina web de Arela ou contactar a través do teléfono 986 21 25 37 e do enderezo electrónico convive@arela.org.

Entradas recientes

Ver todo

Comentarios


bottom of page