top of page

Asbel pon en marcha o seu club de lectura, con reunións mensuais e aberto á participación

18 feb 2022
2 min de lectura

A Asociación por Beluso (Asbel), que en marzo cumprirá un ano en funcionamento, vén de poñer en marcha un novo proxecto: "O recuncho literario de Asbel". Este proxecto, que segue a filosofía da asociación para recuperar a vida veciñal, foi presentado onte na Casa do Pobo de Beluso. A veciñanza puido coñecer os detalles desta iniciativa, que terá unha reunión cada mes e que pretende ser máis que un club de lectura tradicional.


O nacemento deste proxecto literario ten que ver co interese veciñal pola lectura, botando en falta un grupo para debater e compartir opinións en conxunto. Tal e como apuntou a responsable deste proxecto, non se trata dun club de lectura tradicional. "Queremos ir un pasiño máis", afirmou. Deste xeito, ademais dos debates tamén se propoñerán obradoiros ou incluso roteiros.


Un momento da presentación onte do club de lectura. Imaxe: Xornal de Bueu.

O recuncho literario está aberto a todo aquel que queira participar e que teña como gusto a lectura. Precisamente, serán os veciños e veciñas os que decidan, entre todos, as temáticas e títulos dos libros para o club. Algúns dos ámbitos que se mencionaron onte foron, por exemplo, a historia local e a inmigración e emigración.


Este novo espazo non só procura o goce da lectura, senón tamén a promoción da literatura en galego e o emprego das bibliotecas co seu servizo de préstamo. A liña da propia asociación tamén procura establecer vínculos positivos entre os asistentes.


As reunións deste grupo, que pretenden ser participativas, realizaranse o terceiro xoves de cada mes, de 20:30 a 21:30 horas. Tamén se terá en conta a flexibilidade e se fora preciso por algún motivo, podería variar o día. Desde onte, a literatura ten un novo espazo propio en Beluso.

Comentarios


bottom of page