Así será o Entroido: actuacións reducidas, obradoiros e queima simbólica do Paxaro de Mal Agoiro
O Concello vén de dar a coñecer a programación completa do Entroido, que se celebrará do 26 de febreiro ao 6 de marzo, en colaboración con comparsas e asociacións culturais. Como xa avanzara, suspéndense os tradicionais desfiles do Enterriño da Sardiña nin do Paxaro do Mal Agoiro e no seu lugar haberá unha queima simbólica na praza Massó.
A programación complétase con actuacións das comparsas nas tres parroquias, obradoiros para a cativada e festas infantís de disfraces. Ademais de celebrarse nas tres parroquias, o Concello instalará unha carpa na praza Massó. Un Entroido reducido, pero que non perde a súa esencia.

O Entroido dá comezo en Bueu o próximo sábado 26, cunha actuación das comparsas na praza Massó (12:30 horas). Pola tarde haberá unha festa infantil no Adro de Cela (17:00 horas), organizada coa colaboración da Asociación Cultural Costumes de Cela, seguida da música das comparsas (18:00 horas). O domingo as comparsas repiten actuación pola mañá en Massó, mentres que pola tarde entoarán as melodías na Morada, en Meiro.
Ademais, a cativada poderá asistir a obradoiros o 28 de febreiro e o 1 e 2 de marzo. Organizaranse na carpa da praza Massó, de 10:00 a 13:00 horas e serán impartidos polo artista local Tino Resille. Non só poderán gozar de xogos e actividades, senón que tamén elaborarán o tradicional "Paxaro de Mal Agoiro".

A seguinte fin de semana as comparsas repetirán as actuacións pola mañá en Massó, ademais de visitar o parque Joe Novas o sábado 5 ás 18.00 horas. Ese mesmo día, ás 17:30 horas, haberá unha festa infantil na praza Massó, con concurso de disfraces nas categorías bebés, infantil, xuvenil e familias. Desde o Concello informan de que contarán con persoal especializado en necesidades especiais. O Entroido rematará o domingo 6 cun pasarrúas e coa "queima do paxaro" nun evento reducido e sen desfile.
A concelleira encargada da organización, Silvia Carballo, sinala que se actúa con cautela, polo que se organizan eventos máis reducidos e ao aire libre. "Todos coincidimos en que a cidadanía necesita un pouco da ledicia do Entroido", explicou Carballo.



Comentarios