Augas de Galicia constata que a calidade global da estación depuradora de Bueu é "aceptable"
O Concello de Bueu recibiu o venres un informe de Augas de Galicia que certifica que a Estación Depuradora de Augas Residuais Urbanas (EDAR), situada en Cabalo, "cumpre coas esixencias" da Directiva 91/271/CEE. Deste xeito, certifica que a calidade global da EDAR é "aceptable", á vez que sinala que o equipo de desinfección está apagado.
No informe, Augas de Galicia marca unha serie de recomendacións na que inclúe a posta en funcionamento do equipo de desinfección UV, así como a mellora da aireación do reactor biolóxico e dos niveis de nitróxeno.

Despois de coñecer estes resultados, o Concello de Bueu transmita a súa tranquilidade polo correcto funcionamento do servizo. "Sempre é posible mellorar e por iso trasladaremos este escrito á empresa concesionaria do servizo de abastecemento e saneamento da auga para que se apliquen as melloras recomendadas", sinala o alcalde, Félix Juncal.
Desde o Concello tamén sinalan que manteñen unha "actitude de alerta e de verificación" do funcionamento das instalacións municipais de abastecemento e saneamento, co obxectivo de garantir que posibles incidencias produzan o menor impacto posible nas augas da ría e dos espazos naturais.
Á vez que este informe, nos últimos días recibiuse a confirmación de que Augas de Galicia realizará labores de mantemento na canle fluvial do Rego da Pena. O rexedor, Félix Juncal, móstrase satisfeito porque se tiveran en conta as continuas peticións do goberno local nos últimos anos. "Confíamos en que estes traballos se fagan extensivos ao resto de canles da súa competencia", conclúe Juncal.





Comentarios