top of page

Escolares do CEIP A Pedra transforman en arte os refugallos do mar

Converter en arte aquilo que o mar devolve. Ese é o obxectivo do obradoiro de "artivismo" no que cincuenta escolares de 6º de primaria do CEIP A Pedra participaron este luns e mércores. A actividade organízase entre o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, da que forma parte o Concello de Bueu, e a Fundación Vicente Ferrer.

Alumnado do CEIP A Pedra que participou na actividade. Imaxe: Concello.

A cativada comezou a actividade o luns, cando se trasladaron á praia da Banda do Río para retirar aqueles refugallos, restos de diferentes obxectos, que acaban no mar e, tras isto, nos areais. Despois tivo lugar a limpeza e seca dos plásticos na Sala Amalia Domínguez Búa. Onte foi a quenda da creación artística e o alumnado regresou á sala para realizar diversas obras de arte.


Rapaces e rapazas retirando refugallos da praia da Banda do Río. Imaxe: Concello.

Desde o Concello sinalan que o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está formado por "unha sólida rede de administracións locais comprometidas cos Dereitos Humanos e coa erradicación das desigualdades a nivel global". Por exemplo, o Fondo vén de apoiar na India un proxecto de vivenda para familias vulnerables, liderado pola Fundación Vicente Ferrer, e que tamén está vencellado coa xestión de residuos.

0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo
bottom of page