O pleno aproba inicialmente o orzamento para o 2022, que se aproxima aos 7 millóns de euros
A proposta contou cos votos a favor do goberno local (BNG e ACB) e coa abstención do PP, mentres que o PSOE non acudiu á sesión plenaria
O Centro Social do Mar acolleu este mediodía unha sesión plenaria extraordinaria na que se aprobou, de maneira inicial, o orzamento para o 2022. As previsións, tanto nos ingresos como nos gastos, ascenden a 6.950.000 euros, unha cifra récord para Bueu. O documento, que chegou a pleno no primeiro cuadrimestre do ano, a diferenza de ocasións anteriores nas que se acostumaba levar a final de ano, logrou saír adiante cos apoios do goberno local, mentres que o PP se abstivo e o PSOE non asistiu á sesión.
O vicealcalde e concelleiro de Facenda, Julio Villanueva, foi o encargado da presentación destes orzamentos que definiu como "realistas e rigorosos", á vez que "moderados". Destacou tamén o seu carácter social e o incremento de 180.000 euros na masa salarial pola plasmación da primeira Relación de Postos de Traballo, aprobada de maneira definitiva no pleno de febreiro e que non repercutiu nun incremento dos impostos.
O alcalde tamén destacou a "boa saúde financeira do Concello", coa liquidación do exercicio 2021 e o remanente de tesourería positivo. "Atrás quedaron os tempos escuros de déficit orzamentario constante", sinalou.

A voceira do PP, Elena Estévez, comezou a súa intervención dando os parabéns ao vicealcalde por "cumprir a súa palabra e traer os orzamentos do 2022 o antes posible", á vez que cuestionou as aprobacións anteriores nos últimos meses do ano.
Estévez puxo o foco sobre que "o documento vén cun reparo de legalidade motivado pola RPT". Tamén fixo referencia ao plan de investimentos: "Increméntase polo aportación para a Sala de Arqueoloxía pero o resto é igual, como o destinado ao saneamento ou á conservación de infraestruturas culturais", engadiu. Outro dos aspectos nos que mostrou o seu desacordo foi que non se recollera unha partida específica para o concurso de ideas da Banda do Río ou maiores aportacións para unha nova campaña de bonos do comercio local.
Tras isto, o alcalde, Félix Juncal volveu defender o documento. "Sorprendeume a falta de argumentos rigorosos para a crítica duns orzamentos positivos, a diferenza de cando foi alcaldesa cunha situación financeira caótica". Juncal tamén insistiu en que "desde o 2005, en Bueu (agás no IBI), non se subiron as taxas nin os impostos" . Destacou que se segue sen facer, á vez que se deu cabida "a dous importantes gastos", da RPT e da piscina municipal. O rexedor tamén resaltou a baixada da débeda da vila coa Mancomunidade, que ten confianza de poder pechar no exercicio deste ano.

Finalmente, o orzamento para o 2022 aprobouse de maneira inicial, cos votos a favor de BNG e ACB. Pola súa parte, o PP abstívose e agardará á exposición pública para determinar o seu voto na aprobación definitiva. O documento será publicado agora no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) e contará cun período de exposición pública de quince días para presentar alegacións.

As cifras
O orzamento ascende a 6.950.000 euros tanto en gastos e ingresos, traducíndose nun incremento de 375.000 euros nos gastos e de 326.698 euros nos ingresos con respecto ás contas do 2021. Unha das novidades é a plasmación da entrada en vigor da RPT, cun incremento de 180.000 euros na masa salarial.
O crecemento nos ingresos vén motivado polo incremento na participación dos tributos do Estado, as liquidacións pendentes de IBI así como o incremento do padrón e das licenzas de urbanismo. No caso dos gastos recóllese o pagamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), sobre o que o alcalde recordou que "é un servizo que debería financiar ao 100% a Xunta e non derivar gastos aos Concellos que non son da súa competencia". Neste apartado tamén se mostran as previsións de gasto do servizo de xestión tributaria e da adxudicación da piscina municipal.
Ademais do orzamento, o pleno tamén sacou adiante por unanimidade a proposta da modificación da ordenanza fiscal nº5 reguladora do Imposto sobre o Incremento do Valor dos Terreos de Natureza Urbana, coñecido tamén como plusvalía municipal. A actualización vén imposta por unha sentenza do Tribunal Constitucional e o texto substitúe as porcentaxes anuais por uns coeficientes máximos en función dos anos transcorridos desde a adquisición do terreo.



Comentarios