Bueu celebra a XXVII Bandeira Concello de Bueu de Traiñeiras cunha xornada "emocionante"
Este domingo o remo bueués vivirá unha cita inesquecible. Non só porque o peirao da vila dará saída, ás 17.00 horas, á XXVII Bandeira Concello de Bueu de Traiñeiras, senón porque o Club do Mar Bueu-Teccarsa enfróntase á proba sendo un dos claros favoritos coa "Maruxía" e defendendo o liderazgo da Liga Galega de Traiñeiras A. A isto súmase que o club conmemora este ano o corenta aniversario da súa fundación. Unha suma de factores que prometen unha emocionante xornada.

Este venres tivo lugar a presentación do evento, na que o presidente do club, Manuel Juncal, remarcou a importancia da cita, que será retransmitida en directo pola TVG2. Ademais, a Bandeira de Bueu é unha das máis lonxevas do campionato. Tal e como sinalaron desde a directiva, o club estreará un logo conmemorativo, unha bandeira e vestimenta especial para os remeiros. Engádese, ademais, o vídeo promocional da proba, que xa se pode ver nas diversas plataformas.
A competición desenvolverase nun campo clásico, de 4 longos e 3 viradas por babor, completando un percorrido de 5.556 metros con saída dende o porto ata as praias de Agrelo e Portomaior. Tal e como avanzaron esta mañá, será un percorrido con moita presenza no espigón, polo que se anima á veciñanza a apoiar ao club local.

Desde a Liga Galega, Jonatan Fernández destacou que a regata de Bueu simboliza o ecuador da liga de traiñeiras. "Será unha competición moi disputada, na que viviremos un gran espectáculo", indicou. A mesma idea foi compartida por Daniel Benavides, xefe do servizo provincial de Deportes da Xunta. Este último destacou tamén o compromiso da directiva do club bueués.
Pola súa parte, o alcalde da vila, Félix Juncal, agradeceu o traballo do club e fixo fincapé no "ilusionante" que será o evento. Animou así a toda a cidadanía a encher o peirao de Bueu "porque esta tempada a Maruxía estanos a emocionar moito e temos que devolverlle todo o cariño e esforzo".
Música para animar á veciñanza
O Concello colabora tamén coa organización do evento e, como novidade, o domingo a partir das 16.30 horas a charanga OT ofrecerá un pasarrúas polo caso urbano para xerar ambiente festivo e animar á cidadanía a gozar da proba dende o peirao.




Comentarios