Bueu celebra o 1 e 2 de xullo as V Xornadas pola Diversidade Afectivo-Sexual
O Concello de Bueu organiza o 1 e 2 de xullo as Xornadas pola Diversidade Afectivo-Sexual coas que se busca crear conciencia sobre a identidade persoal e a liberdade sexual. Así o indicou esta mañá o edil de Mocidade e Infancia, Agustín Gallego, na presentación das xornadas xunto a edila de Promoción Económica e Turismo, Silvia Carballo e o artista local Marc Taeger, que pintou a fonte dos Xardíns de María Eugenia, na Banda do Río, para conmemorar a data. Nesta quinta edición, a programación inclúe a lectura dun manifesto, charlas sobre proxectos de diversidade e a proxección dun filme.
As xornadas comezarán o 1 de xullo coa lectura do manifesto do Concello de Bueu con motivo do Día do Orgullo LGBTIQ+ e coa presentación do proxecto "Bibliodiversidade", levado a cabo pola investigadora Ana Amigo Ventureira. Ese mesmo día, o IES Johan Carballeira presentará o traballo levado a cabo durante o curso no equipo de diversidade do centro e co que conseguiron obter o premio "Escola sen armarios", da Asociación Arelas e que destacou "o seu traballo serio, transversal e con perspectiva da diversidade".

As actividades do sábado rematarán coa presentación do libro "Campo de plumas. Poemas LGBT+ para a mocidade dende a Antigüidade ata hoxe". Esta proposta, do selo editorial cangués Sushi Books, está traducida e antologada por Jesús Castro, que estará acompañado na presentación polo editor Moisés Barcia. Ao día seguinte, o 2 de xullo, o Cineclub Bueu proxectará o filme "Girl" de Lukas Dohnt, a partir das 21.00 horas no Centro Social con entrada de balde.
Pintado da fonte
Ademais das xornadas, xa desde o 28 de xuño, Día do Orgullo LGBTIQ+, estará colocada a bandeira no balcón da Casa Consistorial. O Concello tamén lle encargou ao artista local Marc Taeger o pintado da fonte dos Xardíns María Eugenia da Banda do Río. A fonte, que xa loce un novo e colorido deseño na súa base, foi o lugar de presentación das xornadas.
Taeger explicou que o deseño está baseado no arco iris, que alude á diversidade, pero cun xogo nas formas. "Son pezas diferentes, que representan a diversidade da sociedade na que todos encaixamos", destacou o artista. En ocasións anteriores, xa se pintaran varios bancos e xogos na Praza Massó. "Os espazos e o mobiliario tamén teñen que reflectir o que nos pasa como sociedade", indicou a concelleira Silvia Carballo, que destacou a contorna da fonte como un lugar de encontro entre xeracións.
Desde o Concello inciden tamén no papel que deben cumprir as administracións públicas na loita polos dereitos das persoas do colectivo LGBTIQ+ e na visibilización da diversidade. O edil de Mocidade e Infancia, Agustín Gallego, destacou a importancia de seguir celebrando estas xornadas e animou á veciñanza a participar nelas.




Comentarios