top of page

O IES Johan Carballeira logra o Premio "Escola sen armarios, libre de LGTBIfobia"

19 may 2022
3 min de lectura

Despois de tres cursos apostando pola visibilidade e a normalización da diversidade afectivo sexual, con máis de 60 actividades e unha formación integral, o IES Johan Carballeira vén de ser galardoado co primeiro premio "Escola sen armarios, libre de LGTBIfobia", convocado por Arelas (Asociación de familias de menores trans). Tal e como recoñece o xurado do premio, o instituto bueués destacou "polo seu traballo serio, transversal e con perspectiva da diversidade" que serviu para previr as violencias LGTBIfóbicas. Agora, a asociación entregará unha placa co lema "Escola sen armarios, libre de LGTBIfobia", que será colocada nun espazo do centro.



Imaxe de arquivo da iniciativa "A roupa non ten xénero".


Este premio chega grazas á creación, fai tres anos, do Grupo de Apoio LGBT+ do centro. A coordinadora de Igualdade e Diversidade, Leo Gala, admite que recibir este premio tradúcese "nunha reiteración de que o traballo que estamos facendo está chegando a moitas partes". Precisamente, o Johan Carballeira é o primeiro centro en Galicia en conseguir o recoñecemento. "É un orgullo e unha seguridade de que van a estar ben no instituto e non van ter ningún tipo de discriminación, poden ser eles e elas sen que ninguén lles xulgue", destaca a coordinadora.


Desde o Grupo de Apoio LGBT+ marcaron cinco obxectivos principais para erradicar as discriminacións no centro: crear espazos visibles LGBT+, traballar as diversidades desde todas as materias e todos os cursos, crear espazos propios en todo o centro, deseñar actividades e ter tolerancia cero coas discriminacións e violencias por razón de xénero, orientación ou identidade.



Precisamente, un dos factores que levou ao instituto bueués a facerse co premio foi a súa formación integral, na que non só se ten en conta ao alumnado, senón tamén ao profesorado e ás familias. Conscientes da falta de ferramentas ao tratarse dun proceso novo, as persoas formadoras realizan obradoiros para o alumnado, coloquios para as familias e formación para o profesorado. "É un xeito de pechar o círculo e de que todas vaiamos a unha, na mesma dirección, para entender e acompañar ás persoas que o precisen", engade Gala.


Máis de 60 actividades pese á pandemia

Cada inicio de curso, o centro realiza unha enquisa para coñecer como se sente o alumnado. "Para loitar contra a LGTBfobia, temos que concretar que é e a quen vai dirixida", sinalan desde o grupo. Nesa primeira sondaxe pregúntanse cuestións relacionadas cos tipos de violencia e abusos aos que se enfrontan por razóns de xénero, orientación e identidade. Con ela conseguen poñer o foco nas diversidades do alumnado, así como nos seus medos, discriminacións e prexuízos.


Tras coñecer en primeira persoa as experiencias do alumnado, a equipa de Igualdade e Diversidade do Johan Carballeira comeza a deseñar actividades específicas. A pesar da chegada da pandemia que paralizou o traballo dos centros, conseguiron realizar máis de 60 actividades relacionadas coa diversidade, con formatos moi diferentes. Algunhas lograron gran repercusión na sociedade, como a campaña "A roupa non ten xénero", na que se loitaba contra os prexuízos á hora de vestirse e que rematou cunha gran xornada con centros da contorna e á que tamén acudiu a corporación municipal.


Xornada final da iniciativa "A roupa non ten xénero".

Outras actividades foron a realización da curtametraxe "Aprende, entende e únete!", onde o propio alumnado LGBT+ creou o guión e protagonizou o vídeo, que pretende sensibilizar á sociedade. Tamén se realizaron logos, exposicións, xogos diversos e de rol, cartas de amor diverso... Ademais, os espazos cobraron gran protagonismo e, por exemplo, pintaron as gradas do patio coa bandeira LGBT+ ou mesmo crearon un espazo de temática LGBT+ na biblioteca.



"A sociedade evoluciona e as escolas temos que evolucionar con ela"



"A sociedade evoluciona e as escolas temos que evolucionar coa sociedade", explica Leo Gala. Nesta liña, os grupos de apoio ao alumnado LGTB+ están medrando cada día nos centros galegos. "É unha marabilla poder traballar en rede, adaptar actividades, é como un banco de ideas entre moitos centros", sinala.



A pesar de que tamén se atoparon algunhas barreiras, con discursos de odio, o grupo continuou traballando e conseguiu derribalas. "O premio é un recoñecemento de que estamos indo polo bo camiño, temos moitísimo por aprender pero é un punto de inflexión. Estamos polo bo camiño, avanzando", conclúe Gala.


A coordinadora admite que seguirán traballando nesta activa dinámica, para a que xa están deseñando proxectos para o vindeiro curso. Iso si, agora o farán cunha placa que recoñece o IES Johan Carballeira como un centro seguro e libre de LGTBIfobia.



Comentarios


bottom of page