Tanxugueiras reivindica o amor libre no seu último lanzamento, "Pano Corado"
O vídeo está producido pola axencia bueuesa PlayPlan
O último sinxelo de Tanxugueiras, "Pano Corado", volve ter selo bueués xa que está producido por PlayPlan, axencia bueuesa coa que traballan as pandeireteiras e encargada tamén da organización do festival SonRías Baixas. Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro reivindican o amor libre e a diversidade nesta nova peza, un adianto do seu terceiro disco.

"Pano Corado" nace como unha reivindicación á liberdade e de celebración da diversidade sexual e de xénero. "Queremos normalizar o amor e a vida. Queremos derrubar barreiras. Que cadaquén se sinta libre de amar a quen queira, que cadaquén goce do amor, da vida, de si mesma, da súa sexualidade ou da súa identidade como queira", apuntan as pandeireteiras, que este verán pasarán polo escenario do SonRías.
Como é habitual nos seus cantos e vídeos, os elementos tradicionais xogan un papel fundamental. Neste caso o pano, unha das pezas do traxe tradicional, é o absoluto protagonista, transformado nun pano con todas as cores.
"Arróupame arquiño vello, arróupame arco corado, rebenta as vellas cadeas dos amores presidarios", cantan Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro neste novo tema, unha rumba na que queren facer unha chiscadela especial "ás persoas LGTBQI+ e ás que non se senten aceptadas por ver ou entender o amor desde unha perspectiva diferente á heteronormativa". Así, inciden no seu interese de chegar coa canción a todas as nenas e nenos que as seguen. "Queremos que saiban e vexan que teñen referentes que as entende, que as apoian e que celebran a diversidade", engaden.
"Pano Corado" estréase cun vídeo dirixido por Trece Amarillo (Diego M. Barcia e Diego Santaclara) e producido por PlayPlan, unha combinación xa habitual que traballou en pezas anteriores e que obtivo o Premio Mestre Mateo ao Mellor Videoclip por Figa.
Localizacións
O vídeo de "Pano Corado" foi gravado en localidades como Catoira, Marín, Cangas, Moraña e Vigo, así como en Santiago de Compostela. As imaxes acompañan así a reivindicación da canción, cheas de cores e nunha festa emotiva, celebrando a diversidade e a pluralidade de xeitos de amar. Na peza tamén participa como actor o drag king bueués Nico Elsker.





Comentarios